RTVEume.- En menos de quince dias comeza unha nova edición das xornadas apícolas do Eume. Cumpriranse dezaséis anos dun programa que aúna formación e diversión e que neste 2015 se desenvolverá entre o 5 e o 11 de Outubro.

A Delegación do Eume da Asociación Galega de Apicultura aposta pola celebración dos obradoiros para escolares co fin de espertar o interese pola apicultura entre os máis pequenos. O luns e martes 5 e 6 de Outubro celebraranse estes obradoiros para escolares, na Casa do Mel. Os estudantes participarán do poceso de extracción e envasado do mel, elaborarán candeas con cera de distintas cores, participarán da proxección de vídeos apícolas así como tamén dunha visita guiada pola Casa do Mel e finalmente terán ocasión de degustar o mel que se produce nas Pontes xunto con outros productos da comarca.

Os días 7 e 8 de Outubro, mércores e xoves, celebrarase a VIII Cata de meles, con recoñecemento ao mellor mel claro e ao mellor mel escuro. E o venres 9 de Outubro celebrarse unha sesión teórico-práctica de Apiterapia, que estará impartida por José David Versaci, que é apicultor e apiterapeuta.

Xa o sábado 10 de Outubro celebrase unha charla sobre a sanidade apícola. Da súa impartición encargarse o veterinario técnico en apicultura Carlos Marín Barzcaitégui, para ao seu remate celebrarse unha mesa redonda sobre a vespa velutina a cargo de apicultores afectados.

Tamén ese mesmo día, o sábado 10 de Outubro pero durante a tarde, celebrarase o concurso de receitas con queixo e mel, no que poderán participar todos os afeccionados á cociña e que deberán anotarse antes do venres 9 de Outubro. Os interesados poderán participar en calquera das dúas categorías convocadas, profesionais ou afeccionaos e que á súa vez distinguen dúas modalidades de participación, doce ou salgado.

Xa o domingo 11 de Outubro, como fin de festa e poñendo o broche de ouro ás xornadas apícolas do eume, celebrarase a VII Feira do Mel, en Goente.

Para máis información tanto das xornadas apícolas como tamén sobre a Feira do Mel poden telefonar ao número 661 003 616.