As Pontes, 14 de outubro de 2021. O grupo local de traballo por unha transición xusta, no que están representados o Concello das Pontes, CC.OO, CIG, UGT,o comité de empresa de Endesa, Cohempo, Seara e a Asociación de Transportistas do Carbón, reclamou hoxe a convocatoria dun novo encontro, de carácter urxente, da Mesa de Transición Xusta das Pontes, para lograr o desbloqueo do convenio para optar aos fondos europeos para a transición enerxética, o esclarecemento da situación da central térmica e o detalle do reparto das axudas de transición.
En rolda de prensa, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, demandou ás administracións implicadas que se marque unha data para asinar este documento de vital importancia tanto para As Pontes como para Cerceda, e que, segundo apuntou é “necesario resolver a curto prazo para que non se poñan en risco os 111 millóns de euros que deben ser destinados á reactivación das comarcas mineiras galegas”.
O rexedor pontés solicitou o “compromiso tanto do goberno central como autonómico para evitar que se perdan estas inversións” xa que, tal e como adiantou, “hai proxectos interesados en optar a estas axudas e en afincarse nas comarcas mineiras de Galicia”.
Con respecto ao papel da Xunta, González Formoso explicou que, a día de hoxe, non hai ningún motivo para que non se asine este protocolo, xa rubricado no resto de autonomías afectadas, e demandou ao executivo galego que se poña data a esta firma e que se explique cal vai ser o criterio de reparto destes fondos.
Precisamente, en relación a este asunto, o vindeiro luns, na Delegación do Goberno terá lugar unha reunión para explicar as condicións que rexerán a concesión destas axudas e na que está prevista a participación de todos os integrantes do Grupo Local de Transición Xusta.
FUTURO DE ENDESA
González Formoso tamén se pronunciou sobre a posible posta en marcha da central térmica das Pontes e apuntou que éste será un dos temas imprescindibles tamén na orde do día deste demandado encontro.
A xuízo do alcalde pontés, é preciso esclarecer se este anuncio de Endesa é un mero “espellismo” ou unha opción de continuidade, xa que a día de hoxe o expedente de tramitación de peche destas instalacións segue en proceso.
González Formoso esixiu que a dirección da eléctrica aclare cales van se os seus próximos pasos, ao entender que a súa decisión dará lugar a diferentes posicionamentos en relación aos compromisos laborais acadados coas empresas auxiliares e co sector do transporte de carbón.