As Pontes, 15 de outubro de 2021. O Concello das Pontes presentou hoxe o proxecto “Lembranzas do Eume”, dirixido a recuperar o patrimonio cultural inmaterial das parroquias de todo o municipio, e que conta co respaldo do Ministerio de Cultura.

A concelleira Elena López subliñou que se trata dun traballo fundamental para salvagardar toda a memoria oral e as tradicións, expresións ou rutinas do día a día dos nosos ancestros, a sabedoría popular sobre a natureza, cancións, bailes ou os traballos colectivos para que, deste xeito, non se perdan co paso do tempo e o esquecemento.

Neste proxecto, as entidades veciñais das Pontes serán imprescindibles, tal e como apuntou López, que demandou o seu respaldo e colaboración para dar lugar a un proxecto que “ honre á vila das Pontes”.

Segundo explicou a concelleira, serán os colectivos veciñais os que axuden a identificar aos “sabedores do pasado”, veciños e veciñas nados na primeira metade do século XX en diferentes parroquias pontesas e que son coñecedores, porque así o viviron, daquelas festas, tradicións, contos ou oficios propios do inicio do século pasado. Eles e elas protagonizarán unha serie de entrevistas nas que darán conta deste tipo de patrimonio inmaterial que, deste xeito, poderá ser posto en valor, tal e como se merece.

Ademáis de recompilar toda esta sabedoría popular, Lembranzas do Eume incluirá a creación dun plano no que tamén se ubicarán os datos recollidos durante esta primeira fase.

A presentación celebrada esta mañá tivo lugar no Museo Etnográfico de Monte Caxado ata onde se desprazou un nutrido grupo de representantes das entidades veciñais das Pontes e do equipo de goberno, e que terá continuidade con novos encontros.

O proxecto, Lembranzas do Eume está aberto a toda a veciñanza polo que aquelas persoas particulares que desexen participar ou recibir máis información poden contactar co equipo coordinador do proxecto no teléfono 604 025 160.