As Pontes, 14 de agosto de 2023.  Todas as forzas políticas con representación no Concello das Pontes aprobaron por unanimidade esta mañá, durante unha sesión plenaria extraordinaria, solicitar á Xunta de Galicia a creación e convocatoria, inmediata e urxente, dunha Comisión, conformada pola administración autonómica, o Concello das Pontes e as organizacións sindicais, para o seguimento do proxectos industriais que se están a tramitar.

O alcalde das Pontes apuntou que “todos os proxectos están en tramitación administrativa pero descoñecemos o detalles da mesma, o que si sabemos é que todos os proxectos están en risco pola tramitación administrativa e nos gustaría implicación política para que un trámite que pode levar un ano nestes casos poida reducirse a seis meses para que, deste xeito, os proxectos se poidan facer realidade o antes posible. Sabemos que non é sempre doado pero os prazos son fundamentais para que os proxectos sexan canto antes realidade na nosa vila”

González Formoso tamén amosou a súa preocupación “polo inicio do expediente de declaración BIC da cheminea das Pontes. A todos os ponteses e pontesas gustaríanos conservar a cheminea pero nesa área hai xa un polígono industrial “de facto” que, con poucas modificacións,  permitiríanos dispoñer de medio millón de metros cadrados para a instalación de novos proxectos industriais e está absolutamente en risco. A declaración como BIC significa que a cheminea vai ter unha área de cautela na que non vai ser posible crear novas empresas. Nós imos pelexar con todas as forzas para que o expediente non avance por que iso significaría anular o futuro das Pontes e ter un ben de interese cultural do que ninguén se vai facer cargo polos seus altísimos custes de mantemento e seguridade.”

Así mesmo, o pleno do Concello das Pontes acordou solicitarlle ao  goberno do Estado e a Red Eléctrica unha reunión para revisar a capacidade do nó de evacuación do municipio.  Nese sentido, o alcalde das Pontes, resaltou que “o Instituto de Transición creou unha gran expectativa, afirmando que ía haber un nó de transición. O procedemento era completamente acertado, establecendo que terían prioridade de acceso ao nó aqueles proxectos industriais que fosen xeradores de postos de traballo en municipios nos que peche unha central térmica pero a quen ten a competencia de supervisar e xestionar a rede eléctrica nacional cando se lle consulta sobre o nó de As Pontes, aplicando criterios técnicos imparciais, establece que non ten capacidade.”

“Esa é a fotografía administrativa oficial. Agora a política ten que funcionar, non para pasar por riba do persoal técnico nin da normativa actual senón para solicitarlle ao Ministerio de Transición Ecolóxica que impulse, se así o estima a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, a rebaixa das garantías que supón a determinación dos criterios técnicos de potencia, de curtocircuíto, de criterio estático e dinámico nos nós de transición. Hai que pelexar pola revisión dos criterios técnicos por parte de Rede Eléctrica” engadiu o rexedor local.

Por outra banda, acordouse a creación dunha Comisión Especial de Transición Xusta para abordar a situación administrativa do proxecto de desmantelamento da central térmica, o concurso de Transición así como os proxectos industriais proxectados para As Pontes.