As Pontes, 7 de xullo de 2020. O Concello das Pontes, a partir do sábado, 18 de xullo, porá en marcha o programa “As Pontestival”, un plan con máis de 30 actividades culturais, de balde e de pequeno formato, no que se conxuga o lecer e a cultura coas normas que regulan as actvidades culturais ao aire libre, en materia de seguridade e hixiene, na nova normalidade.

A programación desenvolverase no patio de Colexio Santa María, “un emprazamento que nos permite dispoñer dun espazo acotado que facilita o control da entrada e saída do publico, o mantemento da distancia interpersoal e evita as aglomeracións para, deste xeito, garantir as condicións sanitarias do público asistente e das compañías artísticas e das persoas que profesionalmente se dedican á cultura” apunta o concelleiro de Cultura, Vicente Roca.

Tamén co obxectivo de garantir o control de aforo e a distancia de seguridad entre o público asistente, o aforo por actividade limitarase a un máximo 150 persoas e será preciso reservar previamente, de forma gratuita, as entradas para os diferentes espectáculos a través da páxina web www.reservas.gal

O programa contará coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona que farán ás delicias dos nenos e nenas das Pontes, achegándolles a música tradicional galega dun xeito divertido. Haberá tamén un concerto de Gallaecia que presentará o seu traballo Son Boleros no que o cuarteto, formado por contrabaixo, voz, piano e percusión, renderán homenaxe ás mellores cancións da música latina.

Ademais a veciñanza poderá gozar do Coro Encaixe, premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor proxecto de música vocal. Trátase dun grupo coral que fai versións vocais de grupos como Marful, Dhais ou Berrogüetto e conta cun amplo repertorio de temas de todos os estilos e todas as épocas.

Para as crianzas haberá animación de rúa da man da compañía Fantoches BAJ e o seu espectáculo Os velocíclopes. Un espectáculo de rúa sorprendente no que os seus protagonistas son zapatos xigantes, cabezudos, cíclopes ou automóbiles.

Tamén chegarán ao patio do Colexio Santa María, Martiña Soñadora e Ghazafelhos  coa súa obra A Cova das Letras, un espectáculo itinerante que escenifica as persoaxes dos mercados tradicionais, con cantos, contos e monicreques.

Asemade as familias pontesas poderá gozar do espectáculo de maxia, Abraios de rúa da man de Fani Triana e Martín Camiña. Un camión escenario aparcará maxicamente nas Pontes; un teatro móbil cheo de asombros, ilusións, humor, cordas e panos.

A programación completarase co concerto da Banda-Escola As Pontes e cunha performance, no Parque Municipal, do alumando da Escola Municipal de Baile Moderno, ubicándose o público en diferentes espazos habilitados para poder contemplar o espectáculo cumprindo coas normas de distanciamento social.

Por outra banda, entre os días 18 e 21 de xullo, no Pavillón Polideportivo Municipal estará instalada a exposición Dinosaurios Live. Trátase dunha exposición interactiva, composta por unha vintena réplicas animatrónicas de dinosaurios que permitirán aos nenos e nenas da vila saber como eran, como vivían e como se movían os xigantes prehistóricos. Ademais haberá pasarrúas co T-Rex e as crías de Velociraptor e Triceratops .

Esta programación completarase coa exposición fotográfica Unha foto e un poema que ao igual que en anos anteriores se ubicará no peche do patio do colexio Santa María e na que se amosa o traballo de creación colectiva do grupo poético Alalá e os fotógrafos e fotógrafas das Pontes e que estará instalada entre o 16 e o 24 de xullo.

Ademais, entre os días 18 e 24 de xullo, en diferentes prazas do pobo haberá cine ao aire libre, con aforo limitado e reserva de praza, de forma gratuita, en www.reservas.gal.

A programación inclúe tamén música de rúa a cargo dos grupos tradicionais das Pontes e da banda de música tradicional da escola municipal. Un concerto de música clásica na praza da Igrexia, dedicado ao 250º anivesario do nacemento de Ludwing van Beethoven e a presentación do número dous dos Cadernos do Museo Etnográfico Monte Caxado e do libro Mala cosecha a cargo da súa autora, Natalia Monje, colaboradora do programa “Cuarto Milenio”.