Imaxe cedida por Mundito Carballo

As Pontes, 14 de xaneiro de 2020. O museo etnográfico Monte Caxado acolleu onte a presentación do libro «Daquela As Pontes», o resultado final dun proxecto homónimo de recuperación da memoria colectiva a través de fotografía antiga, posto en marcha pola Concellería de Participación Cidadá no ano 2016.

A publicación condensa unha pequena selección de 200 imaxes, agrupadas en 15 áreas temáticas- a escola, a música, o deporte, o campo, a familia, as rúas, as festas, as tradicións, o transporte, o traballo e a industria- a través das que se busca lembrar a historia da vila durante o século XX.

O libro «Daquela As Pontes» é froito da colaboración da veciñanza pontesa que, durante un ano e medio, compartiron en 36 obradoiros celebrados nos locais das distintas asociacións veciñais do núcleo urbano e das parroquias rurais, tanto copias das súas fotos familiares como aos seus recordos de infancia e xuventude, para crear un álbum de imaxes e lembranzas das Pontes, materializado tamén nunha páxina web e nunha exposición que estivo instalada no Parque Municipal durante as Festas do Carme no ano 2017.

Durante este acto, que contou coa presenza dunha nutrida representación dos veciños e veciñas que fixeron posible o proxecto, a concelleira de Organización Interna e Medios Locais,  Lorena Tenreiro, quixo agradecer á veciñanza a súa colaboración e facer realidade un fermoso proxecto, «cedendo desinteresadamente as vosas fotografías, amosándonos pedaciños da vosa vida, da vosa historia que é a historia de todos, a historia das Pontes».

Asemade a edil subliñou que esta publicación «serve para comprendernos, para emocionarnos e por suposto para honrar as nosas raíces e os nosos antepasados e responde ao desexo do Concello preservar e divulgar entre as xeracións máis novas o noso pasado, repleto de historias persoais e colectivas de superación, sacrificio e carencias pero tamén de momentos alegres, nunha sociedade moi diferente á actual, que deben e merecen ser recordados».

Ao remate do acto, o Concello fixo entrega dun exemplar da publicación, que será empregada polo consistorio para promocionar á vila, a cada un dos veciños e veciñas que cederon fotografías para o proxecto Daquela As Pontes.

A publicación, editada pola Deputación da Coruña, xa está á venda en diferentes plataformas online.