As Pontes, 6 de outubro de 2022. Ana Pena, concelleira de Industria, participou onte nun encontro informativo co tecido empresarial, no que tamén participou a axente no territorio do Instituto de Transición Xusta, Nuria Álvarez, para presentar o borrador das bases das axudas do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para impulsar a xeración de novas actividades e a diversificación económica nas zonas afectadas polo peche de centrais térmicas de carbón.

Durante esta reunión, Ana Pena, lembrou a importancia desta axudas, “ para todos os concellos que estamos no camiño da transición xusta. Trátase dunha liña moi importante que permitirá que novos proxectos empresariais se asenten neste territorios. É ademais unha axuda necesaria xa que precisamos ese impulso e apoio que nos axude a levar o camiño da transición de forma axeitada e a recompoñer a pérdida de postos de traballo ou de economía que poidan supoñer o peche das centrais térmicas”

Ana Pena tamén apuntou que desde o Instituto de Transición Xusta tense previsto, nas vindeiras semanas, publicar a orde coas bases destas axudas de apoio a novas iniciativas empresariais e “ con esta reunión queremos dar a coñecer o borrador desta orde, co fin de que o tecido empresarial da vila teña clara as bases para a elaboración dos proxectos de cara á presentación de propostas a esta convocatoria”.

Pola súa banda, Nuria Álvarez, lembrou que a convocatoria está destinada a un amplo sector empresarial, cunha intensidade de axuda, fixada pola Unión Europea que podería chegar ata un 35% do orzamento do proxecto.