As Pontes, 6 de outubro de 2022. As Pontes acollerá o vindeiro mércores, 12 de outubro, o primeiro campionato internacional de ciclocross “Lago das Pontes”, unha proba que reunirá a elite do ciclismo nacional e internacional, na categoría C2-UCI

A proba organizada polo club de ciclismo As Pontes Vilalba, coa colaboración do Concello das Pontes, celebrarase na contorna do lago, un dos mellores escenarios posibles para a práctica deste deporte, un espazo natural único, no que se combinan diferentes tipo de superficies, con múltiples obstáculos naturais.

Elena López, concelleira de Turismo apunta que “coa celebración desta proba constátase, unha vez máis, o potencial do concello das Pontes, para albergar probas deportivas de transcendencia así como a gran labor que fan os clubs deportivos da vila, neste caso o club de ciclismo As Pontes Vilalba, no posicionamento das Pontes no ámbito do deporte de elite”

As persoas participantes nesta proba terán que enfrontarse a un percorrido de 3,3 quilómetros no que atoparán 500 metros de herba, 450 metros de grava, 200 metros de terra e 150 metros de area, nos que ademais terán que superar diferentes tipos de obstáculos, tanto naturais como artificiais, tales como pasos elevados, taboleiros, ladeiras ou chanzos.

Nesta competición daranse cita as categorías ELITE-SUB23 masculina e feminina, JUNIOR masculina e feminina, CADETE masculina e feminina e MASTER 30/40/50/60 masculina e feminina.