foto exterior piscina municipal As Pontes

As Pontes, 26 de decembro de 2019. O Concello de As Pontes licita, por 347.500 euros as obras de renovación da piscina municipal. Un proxecto financiado pola Deputación da Coruña que permitirá a adaptación e remodelación dos vestiarios, da zona destinada ao ximnasio así como acometer unha serie de reformas encamiñadas a favorecer as condicións de accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida e a renovar a instalación deportiva.

Con esta actuación o Concello de As Pontes pretende mellorar un espazo esencial para a práctica deportiva na vila e do que, cada día, gozan centos de veciños e veciñas de todas as idades.

Trátase de modernizar a instalación, axuntándose ás demandas e ás necesidades da veciñanza, para continuar promovendo a práctica do deporte, do exercicio físico e da vida saudable entre todos os ponteses e pontesas.

Entre as actuacións previstas, que se executarán entre os meses de xullo e setembro de 2020, ocupa un lugar prioritario a construción dunha nova área de vestiarios para os usuarios e usuarias menores de idade que na actualidade comparten espazo coas persoas adultas.

O obxectivo é crear unha zona de cambio específica, con maior seguridade, comodidade e intimidade para os nenos e nenas que acoden, cada día, á piscina municipal. Así mesmo, os traballos nos vestiarios permitirán aumentar a súa funcionalidade e mellorar o seu deseño, rematando coa xeometría labiríntica.

No caso do ximnasio, como resposta ás demandas dos usuarios e usuarias da instalación deportiva municipal, a sala de máquinas, dispersa nos locais do andar baixo e do primeiro andar, quedará situada no primeiro piso, deixando libre a sala de ximnasia e crearase unha zona de duchas de contraste e un espazo terapéutico, complementario á sauna existente.

Na sala de ximnasia do andar baixo crearase, próxima á entrada da instalación deportiva, unha zona de agarda co mobiliario e equipamento preciso para facer a espera máis agradable e, por outra banda, acometerase a remodelación integral do recibidor da piscina para gañar en modernidade e funcionalidade.

O proxecto  inclúe unha serie de reformas, tanto nos vestiarios como no ximnasio destinadas a favorecer as condicións de accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida. Crearse un aseo e vestiario adaptado, seguindo a normativa vixente e construiranse novas ramplas, tanto para a entrada á instalación deportiva como para o acceso ao novo ximnasio do primeiro andar.

Asemade acondicionarase o exterior do edificio co repintado da fachada, a limpeza do bloque visto e a imprimación dunha capa contra a humidade.