As Pontes, 2 de maio de 2020.  O Concello das Pontes porá en marcha, a próxima semana, Impulsa As Pontes, un proxecto de carácter transversal orientado á dinamización económica da vila nas áreas do comercio, a hostalaría e o turismo.

A través deste programa, o grupo de goberno local busca dotar aos profesionais dos sectores máis afectados pola pandemia, máis de 370 no municipio, de ferramentas que lles permitan saír nas mellores condicións da situación actual, ofrecéndolles un asesoramento individualizado e específico de cara á mellora a súa competitividade.

“Os gobernos locais temos que ser a primeira barreira de protección e dinamización das nosas vilas. Do mesmo xeito, os concellos saneados debemos implicarnos na dinamización dos principais sectores produtivos e orientar a nosa actividade cara ás áreas de futuro como son o comercio de proximidade e o sector turístico. A estratexia Impulsa As Pontes é o programa onde se incluirán todas as iniciativas e axudas que podan supoñer un motor económico que contribúa a saír nas mellores condicións posibles desta crise”, asegura Elena López, responsable da área.

Na súa primeira fase, o programa estará orientado ao sector do comercio e hostalería e botará a andar cunha diagnose que ten como obxectivo poder coñecer a situación na que se atopan os establecementos participantes na estratexia, para pasar despois a unha etapa de formación conxunta para mellorar as capacidades e facer fronte á situación actual.

Despois, o programa chegará a unha etapa de asesoramento individualizado, realizando un acompañamento e seguimento a cada un dos comercios e pequenos negocios participantes para definir o seu plan de mellora, as accións que deben implantar para aumentar a súa competitividade.

 

 Plataforma online

A última fase do programa Impulsa As Pontes será a de promoción conxunta e a creación dunha plataforma de venta online, a través da que o Concello das Pontes quere contribuír a reducir o impacto do coronavirus na economía das persoas autónomas e pemes do municipio e fomentar a transformación tecnolóxica dos comercios para impulsar o aumento do consumo.

A concelleira de Comercio, Hostalería e Turismo tamén destaca que “xa se traballa na posta en marcha dun sistema de bonos desconto para empregar nos establecementos comerciais así como nun programa de fidelización de clientes co obxectivo de que os comerciantes recuperen parte da actividade perdida pola crise sanitaria, incrementen as ventas, poidan atraer a compradores non só locais, traspasando fronteiras, para que descubran os atractivos do noso  comercio e que permita aos consumidores mercar a un prezo competitivo”.

Turismo

Impulsa As Pontes tamén inclúe accións específicas para os distintos axentes do sector turístico co obxectivo de fomentar a competitividade e sustentabilidade da actividade turística nas Pontes a través de estratexias específicas, a detección de necesidades, así como o desenvolvemento de novas ideas de negocios en relación ás tendencias do sector.

Nese sentido, Elena López sinala que “preséntasenos un novo escenario onde o turismo de proximidade vai favorecernos, por iso é importante aproveitar a oportunidade para posicionarnos como destino de visitantes e turistas, tendo como prioridade a mellora na calidade de vida da comunidade involucrada e a ampliación de oportunidades de crecemento e desenvolvemento”.

Impulsa As Pontes comeza a próxima semana, todos os e as interesadas deben inscribirse a partir do martes día 5 de maio chamando ao 673200639, enviando un correo electrónico a [email protected] ou na páxina impulsa.aspontes.org

Programa de axudas económicas directas

O Concello das Pontes tamén traballa na creación dun paquete de axudas económicas directas, dirixidas a persoas autónomas e micropemes dos sectores máis afectados polo decreto do Estado de Alarma e que contribúan a facer fronte a situación derivada do peche dos seus negocios durante o confinamento.

“En As Pontes cotamos con 700 persoas autónomoas e no noso obxectivo é colaborar con aqueles comercios, profesionais e locais hostaleiros que tiveron que pechar os seus negocios, para que cando volvan levantar a persiana non quede ningún atrás. Queremos estar xunto a eles e elas cando poidan retomar a súa actividade axudándolles e asesorándolles”, apuntou López.

O crédito que permitirá facer fronte a estas axudas será froito da reorientación do orzamento municipal que se está levando a cabo de cara a superar a crise económica da pandemia e proveñen, na súa maioría, de partidas económicas reservadas para actividades que non se poderán levar a cabo durante a fase de desescalada.

O executivo municipal tamén está traballando na elaboración das bases que rexerán estas axudas para evitar que haxa solapamentos entre as posibles liñas municipais e as axudas económicas postas en marcha con outras administracións que poidan condicionar a percepción de diferentes achegas.