As Pontes, 14 de xullo de 2022. O Concello de As Pontes inaugurou hoxe nos Xardíns Municipais do Campo da Feira a exposición ¨Mulleres que fixeron As Pontes¨.
Unha viaxe ao pasado a través de antigas fotografías e recortes de xornais, facilitadas polo Museo Etnográfico Monte Caxado e pola hemeroteca de La Voz de Galicia, que se poderá visitar durante todo o mes de xullo, e que ten como obxectivo homenaxear e recordar a todas aquelas pontesas, tanto ás nacidas na vila como ás que se instalaron no municipio na procura dun futuro mellor.
A exposición, organizada en oito paneis informativos, amosa o papel da muller pontesa ao longo do século XX, desde os albores da industrialización da vila ata a década dos anos 80, afondando en eidos como o laboral, o educativo, o sociocultural e o deportivo.
As persoas que se acheguen a gozar desta exposición poderán coñecer a historia de mulleres como Elia Ameneiro, primeira plusmarquista española da modalidade de 1.500 metros lisos do club de atletismo Empresa Nacional Calvo Sotelo, con María e Carmen Formoso Prego, dúas irmáns que recorrían España coas súas obras pictóricas inspiradas moitas delas na nosa vila.
A veciñanza tamén se reencontrará con moitos rostros coñecidos de mulleres que fixeron As Pontes a través do seu traballo, tanto por conta allea como propia, a través da formación dos ponteses e pontesas máis novas, do deporte, tanto individual como colectivo, das belas artes, da música ou do teatro e mesmo a través da organización das festas da vila.
Desde o Concello, Vicente Roca, responsable da área de cultura, apunta que “esta exposición é unha boa oportunidade para que a xente máis nova da vila coñeza a realidade que lle tocou vivir as súas nais e avoas e que deron forma á sociedade na que hoxe vivimos. Animamos á veciñanza a achegarse ata os xardíns municipais para gozar desta exposición que fala de nós, da nosa historia e das mulleres que a fixeron posible”.