Dende o executivo local apelan á solidaridade de ponteses e pontesas para que, a vindeira semana, se acheguen ata a unidade móvil do CTG e colaboren con esta iniciativa

O Concello de As Pontes e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) traballarán conxuntamente para animar a todos os veciños e veciñas do municipio a tomar parte na campaña de doazón que desenvoverá nos vindeiros meses o CTG, co fin de apelar á solidaridade cidadá á hora de doar o seu sangue.

Baixo o lema Súmate. Doa sangue está previsto que se repartan por todo o concello uns tarxetóns indicando os días e horas que será posible achegarse ata a unidade móvil do CTG que se desprazará ata As Pontes, a vindeira semana, ao que será preciso sumar os anuncios nos medios de comunicación locais.

Dende o executivo local, o edil de Réxime Interno e Recursos Humanos, José Alén, quixo facer un chamamento a tódolos ponteses e pontesas para que tomen parte nesta campaña de verán xa que, segundo aclarou, “con este acto altruista no que só investimos dez minutos podemos salvar moitas vidas”. E é que, segundo os datos ofrecidos dende o CTG, durante o verán serán necesarias un total de 10.000 doazóns de sangue ao mes para cubrir as necesidades de tódolos centros hospitalarios de Galicia, garantindo o correcto desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos.

Neste senso, o concelleiro tamén recalcou que ao longo de todo o proceso extractivo manteñense os máximos controis, evitando calquer tipo de posible infección mediante o emprego de material completamente esterilizado e de un único uso, o que evita calquer tipo de posibilidade de contraer algunha doenza.

As Pontes súmase así ao listado de concellos galegos que tamén toman parte nesta iniciativa e no que ocupa un bo posto con cifras coma 2.269 doadores censados e que, dende a primeira visita da unidade móbil do CTG en 1994, realizaron 19.636 doazóns. De feito, segundo os datos manexados polo CTG, no concello pontés rexistráronse en 2015 73 doazóns por cada 1.000 habitantes, o que supera o índice recomendado pola Organización Mundial da Sáude, con entre 40 e 60 doazóns por milleiro de habitantes.

Ante estas cifras, dende o executivo local fixeron un novo chamamento á cidadanía para que, a vindeira semana se sume a esta campaña estival e que, deste xeito, o concello pontés continúe a ser todo un exemplo de solidaridade.

Así as cousas, a unidade móvil do CTG estará no municipio mineiro o martes e o mércores da vindeira semana, diante da Casa do Concello, entre as 10.00 e 14.30 e das 16.00 ás 21.00 horas.