As Pontes, 13 de abril de 2022.  O Concello das Pontes únese á conmemoración do Día do Libro,  que se celebra o vindeiro 23 de abril, co obxectivo de  para render unha homenaxe á literatura,aos seus autores e autoras, e alentar a todas as persoas a descubrir o pracer da lectura, apoiar a creatividade, a diversidade e a igualdade de acceso ao coñecemento.

O departamento de Cultura, dirixido por Vicente Roca, a través da Biblioteca Municipal Rivera Rouco, deseñou una proposta de actividades para todos os públicos con motivo desta efeméride.

As actividades arrancarán o xoves, 21 de abril, ás 18:00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso cunha proposta dirixida ao público infantil. Unha proposta que fará viaxar ao público a unha fraga por medio da música e das imaxes, nunha actuación onde os nenos e nenas poderán cantar e bailar ao tempo que aprenden a respectar a natureza, os animais e o medio ambiente.

A programación continuará o sábado, 23 de abril, ás 12:00 horas, na Casa Dopeso coa presentación do libro “¿Dónde está nuestro pan?, de Abel Aparicio. Unha obra na que se recollen tres novelas curtas nas que o autor se mergulla, desdebuxando a fronteira entre a realidade e a ficción, na crueza da Guerra Civil e no ritmo marcado polo franquismo.

Xa o sábado pola tarde, a partir das 18:00 horas, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá a peza de teatro infantil Pinocchio, interpretada pola compañía Teatro Ghazafelhos. Unha adaptación libre da obra de Carlo Collodi, cunha posta en escena que combina os monicreques, o teatro, e música en directo, para abrir a porta a unha emocionante aventura que amosará un camiño cheo de humor e sensibilidade.

Ese mesmo día, a partir das 20:30 horas, no salón de actos da Casa Dopeso haberá un cineforum arredor da película “A sociedade literaria e o pastel de pel de pataca”, unha adaptación de Mike Newell sobre o libro de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows, novela epistolar que se converteu nun clásico indiscutible sobre o poder da palabra e o valor da literatura como refuxio e consolo en tempos difíciles.

Estas actividades completaranse cunha acción conxunta, en colaboración co comercio local, co obxectivo de fomentar a lectura entre a veciñanza, mediante a ubicación nos establecementos e nos seus escaparates de diferentes recomendacións literarias. Así mesmo, o día 23 de abril, entre as persoas usuarias da biblioteca municipal Rivera Rouco repartiranse  caraveis.

O concelleiro de Cultura, Vicente Roca, invita á cidadanía a participar nestas actividades e conmemorar o Día do Libro.