As Pontes, 20 de xaneiro de 2023. O Concello das Pontes solicita á Xunta de Galicia a reactivación de todos os servizos do centro sociocomunitario que o goberno autonómico ten na vila, que viña prestando ata o ano 2020 e suspendidos por mor da pandemia

Desde o Concello solicítase unha reunión urxente coa xerencia do Fogar dos Xubilados para tratar distintas cuestións relacionadas cos servizos que se prestan nas instalacións asentadas na Avenida de Ferrol e a merma dos mesmos, xa que representan un grave prexuízo para a veciñanza da vila, non estando xustificada a súa supresión atendendo a situación sanitaria actual.

Trátase dun centro ao que acoden centos de persoas maiores de 65 anos na nosa vila, que ten como obxectivo prioritario mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, algo que non está a acontecer na actualidade debido a supresión de servizos, de forma inxustificada. Desde o Concello das Pontes non cesaremos no empeño para evitar a precarización e perda da calidade dos servizos sociais, servizos básicos e esenciais”