As Pontes, 4 de outubro de 2023. O Concello das Pontes ven de poñer en marcha un programa de formación para os parceiros e praceiras do mercado municipal, unha iniciativa que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Economía, Industria e Innovación, e que ten como obxectivo avanzar cara un Mercado Excelente, buscando, ao mesmo tempo, un novo tipo de clientela.

Así, os praceiros e praceiras participarán en catro formacións maxistrais, de carácter colectivo, durante o mes de outubro, con diferentes temáticas nas que se abordarán cuestións como o valor do mercado como servizo público, os cambios nos hábitos de compra das persoas consumidoras de produtos frescos de alimentación así como aspectos relacionados coa motivación ao cambio para adaptarse ás novas necesidades e demandas das persoas usuarias dos mercados de abastos, a reciclaxe profesional ou as vantaxes da formación continúa ao longo da vida laboral.

Esta formación completarase con mentorización individual, onde cada praceiro realizará unha análise e diagnóstico do seu punto de venta así como sobre aspectos persoais (actitude, presenza, imaxe) e do seu negocio (equipamento, oferta de produtos, servizos) de cara a detectar as súas fortalezas e debilidades para mellorar o seu punto de venta ou potencialo.

Neste sentido, Elena López, concelleira de Comercio, apuntou que “con esta formación buscamos lograr un mercado máis atractivo, atraer a clientes potencias de todas as idades, mellorar os puntos de venta e lograr un mercado con personalidade propia que se converta nun referente de venda para todos os ponteses e pontesas e as persoas que se achegan ata a vila para realizar as súas compras”

A concelleira tamén avanzou que, durante o ano 2024, está previsto continuar con esta folla de ruta para converter ao mercado municipal das Pontes nun mercado excelente apostando por mellorar a visibilidade e accesibilidade da praza e mellorando as prestacións interiores do edificio, trasladando ao interior unha nova imaxe, acorde coa contorna urbana, mellorando os acabados e ampliando os servizos da planta baixa.