As Pontes, 12 de xaneiro de 2021. O Concello das Pontes licita, por segundo ano consecutivo, o servizo de atención temperá co obxectivo de prestar atención individualizada a menores de 6 anos que presenten trastornos no desenvolvemento ou teñan riscos de padecelos para facilitar, deste xeito, o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

Tania Pardo, concelleira de Benestar Social apunta que “a través deste programa intentamos que os nenos e nenas que presentan trastornos no seu desenvolvemento reciban, seguindo un modelo baseado en aspecto biopsicosociais, unha atención integral nun momento clave do seu desenvolvemento psicomotriz para que deste xeito poidan adquirir habilidades básicas tales como falar, moverse, identificar obxectos ou persoas e poidan, ao mesmo tempo, potenciar todas as súas capacidades cognitivas, promovendo a súa completa integración no medio familiar, escolar e social así como a súa autonomía persoal”

O contrato, cun orzamento de licitación de 57.000 euros, inclúe os servizos de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía que se prestarán 4 días á semana, por un total de 15 horas semanais cada un dos servizos.

O servizo de logopedia comprende o diagnóstico e valoración individualizada dos/das menores, o tratamento, orientación e seguimento de cada uno dos casos así como a coordinación cos recursos comunitarios e actuacións de prevención primaria, traballándose na área da comunicación e as súas alteracións coa finalidade de mellorar a linguaxe, a fala, a voz e deglutición.

Desde o ámbito da terapia ocupacional intervirase nos aspectos relacionais, lúdicos e funcionais, sendo obxecto deste servizo a intervención coas familias e os/as menores no proceso de rehabilitación nas actividades da vida cotiá, incluíndo o diagnóstico e valoración individualizada, o tratamento, orientación e seguimento así como atención individual e familiar para dotar ás familias de pautas a aplicar co fin de conseguir condutas estimuladoras e educativas.

O servizo de psicoloxía estará orientado a ofrecer unha atención integral en todas as áreas do desenvolvemento da poboación infantil, centrándose en aspectos de carácter cognitivo, social, emocional, motor, conductual e da comunicación, permitindo a intervención psicolóxica con familias e menores de 0 a 6 que presentan trastornos de desenvolvemento ou risco de padecelos, levar a cabo un diagnóstico e valoración individualizada. Inclúe ademais tarefas de Información, asesoramento e apoio á familia para ofrecer pautas de actuación co/coa menor, dinámicas familiares e recursos externos que favorezan o desenvolvemento e a calidade de vida das familias.

O servizo de atención temperá está dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos que durante período pre, peri ou postnatal, estiveran sometidos a situacións que puidesen alterar o proceso madurativo, como pode ser a prematuridade, baixo peso, a anoxia ao nacer, ou calquera outro factor ou signo biolóxico de risco, así como a menores que presenten retardo ou calquera factor ou signo biolóxico de risco ou discapacidade física, psíquica ou sensorial e menores en situación de risco ou desamparo, sempre que alteren o proceso madurativo.