As Pontes, 20 de novembro de 2020.  O Concello das Pontes iniciou, esta semana,  a instalación de varios dispensadores de xel hidroalcólico en distinto espazos públicos do municipo co obxectivo de facilitar o cumprimento das recomendacións sanitarias e contribuír a conter a propagación da pandemia da Covid 19 mediante a adecuada hixiene de mans.

Son un total de 10 dispensadores de xel hidroalcólico, instalados nos CEIPS Santa María, A Magdalena, A Fraga, os IES Castro da Uz e Moncho Valcarce, no Conservatorio Municipal, Escola Infantil Municipal A Barosa, no Mercado de Abastos así como nas entradas da Piscina e Polideportivo Municipal, que contan cun depósito de xel de 10 litros de capacidade e actívanse con sensores, sen necesidade de contacto, ofrecendo ás persoas usuarias a dose precisa para a limpeza de mans. Ademais inclúen un espazo destinado ao depósito de EPIS (máscaras e luvas)

Desde o Concello apuntan que “ante unha situación sanitaria como a que estamos vivindo, a seguridade e a protección da cidadanía son unha prioridade do goberno local e esta medida responde ao noso compromiso de poñer en marcha, dentro das nosas competencias, calquera medida de prevención que poida contribuír a frear a propagación do virus”

A través deste dispensadores, a cidadanía terá acceso a xel hidroalcólico que lle permitirá manter unha correcta hixiene de mans, favorecendo a súa desinfección, nos espazos máis transitados e concorridos da vila

Por outra banda, desde o Concello pídeselle á cidadanía que coide destes novos elementos urbanos, fundamentais para poder manter unha correcta hixiene de mano en todo momento “son un beneficio para a saúde de publica de todos os ponteses e pontesas e por este motivo pedimos a colaboración de toda a cidadanía para garantir o bo estado”.