As Pontes 23 de xuño de 2022. O Concello das Pontes instalará un Punto Lila a carón da praia do lago durante a celebración do NorthWest Triman, único triatlón distancia Iroman de Galicia, que se celebrará este domingo 26 de xuño.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Tania Pardo, explicou que “ter un punto lila durante a celebración desta importante proba deportiva quere facer visible a necesidade de lograr a igualdade en todos os eidos sociais, entre eles un tan importante como o deporte”.

A concelleira comentou datos do informe “Un 2022 de ouro para as mulleres deportistas: de Alice Coachman a Alexia Putellas”, que trata sobre a presenza da muller no ámbito deportivo en España, no deporte federado, así como sobre a brecha de xénero estrutural que afecta tanto á práctica deportiva de base como á profesional. O informe aporta datos como que “no deporte español, 900.000 mulleres practican deportes federados fronte a case 3 millóns de homes”.

O Punto Lila é unha novidade dentro desta importante proba deportiva e nace como espazo de sensibilización, información e promoción da igualdade, promovendo a reflexión a través de diversos material informativo, así como un xogo para a visibilización das mulleres no deporte e un divertido photocall. O espazo aínda que organizado polo Concello das Pontes, está financiado polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero.