As Pontes, 22 de outubro de 2025. O Concello das Pontes vén de facer público o fallo do xurado da primeira edición do Concurso Fotográfico “As Pontes, Terra de Cogomelos”, unha das principais novidades das V Xornadas micolóxicas municipais, que se están a desenvolver ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro.
O certame contou cunha ampla participación de 50 persoas afeccionadas á fotografía de
natureza, que presentaron preto de 200 imaxes de fungos e cogomelos tomadas en
diferentes emprazamentos de toda Galicia, o que indica a enorme riqueza micolóxica e
paisaxística do territorio galego.
O xurado considerou que as imaxes amosan unha extraordinaria variedade de especies,
entre elas algunhas das máis recoñecibles e outras moito menos comúns, como Amanita
muscaria, Boletus edulis, Mycena seynii, Russula caerulea, Laccaria pumila, Phallus
impudicus, Leratiomyces ceres, Trametes versicolor, Clathrus archeri, Sparassis crispa,
Auricularia auricula-judae ou Xylaria hypoxylon. Unha diversidade que reflicte tanto o
interese científico como o artístico das persoas participantes, que captaron as cores,
texturas e formas dos cogomelos galegos en todo o seu esplendor.
O xurado, composto polo divulgador micolóxico Luis Cuba e os fotógrafos Raimundo
Carballo e Daniel Puente, reuniuse o venres 17 de outubro para avaliar as obras presentadas e seleccionar as gañadoras desta primeira edición.
O primeiro premio recaeu en Ángel Montes, cunha fotografía dunha Mycena tomada en San
Cibrán, no municipio de Catoira. O segundo premio foi para Carlos Briones, pola súa imaxe
dunha Amanita rubescens captada en Gabenlle, no concello da Laracha, e o terceiro premio
correspondeu a Tomás Rodríguez, autor dunha fotografía dunha Favolaschia claudopus realizada en Vilagarcía de Arousa.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Elena López, destacou a calidade e a
creatividade das obras presentadas: “A fotografía de natureza é unha ferramenta
extraordinaria para divulgar o noso patrimonio natural e poñer en valor a micoloxía. Este
concurso naceu con vontade de continuidade, e o éxito desta primeira edición anímanos a
seguir medrando o vindeiro ano”.
As fotografías premiadas, xunto cunha selección das mellores imaxes recibidas, formarán
parte dunha exposición durante a celebración da XXXV Feira de Fungos e Cogomelos. Os
premios aos tres gañadores serán entregados o domingo 2 de novembro, no marco da Feira, durante o acto central da xornada.


























