As Pontes, 21 de abril de 2022. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso e o reitor da Universidade de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron un convenio de colaboración que servirá de marco para que estas dúas institucións colaboren en actividades científicas, pedagóxicas, ou de investigación, entre outras, ao longo dos vindeiros catro anos.

O reitor Antonio López e o alcalde Valentín González Formoso formalizaron este acordo nun acto que se desenvolveu no Colexio de San Xerome. O documento contempla diversas modalidades de colaboración como a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, a realizar entre os diferentes institutos e/ou centros da USC e este concello coruñés.

A cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico ou o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividade das dúas entidades son outros dos eidos de actuación que establece o documento.

Ademais, o Concello das Pontes e a USC poderán traballar de xeito conxunto na organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico.

As distintas colaboracións derivadas do protocolo deberán formalizarse a través de convenios específicos. No marco deste acordo, tanto o Concello das Pontes como a USC poderán autorizar ao seu persoal a realizar estancias na outra entidade.

Axenda 2030

O acordo que acaba de formalizarse susténtase nos principios da Axenda 2030 de Nacións Unidas que ten entre os seus fins promover o desenvolvemento mobilizando os medios oportunos para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). En concreto, o protocolo asinado abrangue os ODS 4 (Educación de calidade), 9 (Industria, innovación e infraestruturas) e 17 (Alianzas para lograr os obxectivos).