As Pontes, 4 de novembro de 2020. O pleno do Concello das Pontes aprobou esta mañá, por unanimidade, a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre FEGAMP, Xunta de Galicia e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, evitando deste xeito o risco de incendio forestal.

A formalización desta adhesión permitirá a realización material dos traballos precisos para dar cumprimento á  obriga legal de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas, conforme as instruccións técnicas impartidas pola Dirección Xeral de Montes.

Así, o Concello das Pontes disporá de máis medios para xestionar a biomasa, limpar fincas e baixas secundarias- áreas de 50 metros ao redor dos núcleos de poboación- manténdoas libres de maleza e árbores.

Coa adhesión a este convenio, o Concello de As Pontes asume a obriga de elaborar un plan municipal de prevención de incendios forestais no que se deberán determinar as franxas de protección que se deben desbrozar ao redor dos núcleos de poboación, así como a identificación das persoas propietarias afectadas. O Concello tamén remitirá a Seaga as solicitudes das persoas titulares dos montes para a realización dos contratos de xestión da biomasa.

Central de Contratación Centralizada do Estado

Por outra banda, o pleno municipal tamén aprobou por unanimidade a proposta de adhesión do Concello das Pontes á central de contratación centralizada do Estado que permitirá un aforro nos prezos, prazos de tramitación, publicidade e custos administrativos ofrecendo un abano de servizos e acordos en diversos ámbitos tales como a contratación de servizos de telecomunicación, publicidade, reprografía, etc.

A integración nesta plataforma realizarase en dúas fases, nunha primeira contemplase un acordo xenércio coa central e na segunda, a adhesión voluntaria a un acordo marco específico, en función aos servizos ao contratar,  sempre que sexa beneficioso para os intereses do Concello e da veciñanza.