Foto: Consellería Medio Ambiente

As Pontes, 6 de xullo de 2021. O Concello das Pontes, ao abeiro do convenio de colaboración co Instituto de Estudos do Territorio (IET) e a Consellería de Medio Ambiente e a Fegamp, actualizará a cartografía das Pontes co obxectivo de poñela a disposición da veciñanza.

A través do programa de apoio cartográfico a concello (PACC), un proxecto pioneiro no que tamén participan os municipios Ames, Cee e Coirós. O Concello das Pontes obterá as bases topográficas do municipio a tres escalas diferentes: 1/5.000, 1/2.000 e 1/1.000.

Os traballos permitrán actualizar a cartografía municipal existente e facelo coa definición e as escalas axeitadas para poder obter unha imaxe real do territorio en canto ás edificacións, estradas, rede hidrográfica ou equipamentos e dotacións.

Ademais a nova cartografía será compatible coa esixida nas normas técnicas de planeamento e seguirá as especificacións de produto da Base Topográfica Urbana de Galicia e da Base Topográfica de Galicia, estando orientado o seu uso mediante SIX.

O IET asumirá toda a parte técnica, encargándose do control de calidade e da contratación e execución dos voos necesarios para obter as bases topográficas do concello que están previstos que se leven acabo ata o 31 de decembro de 2022.

A información poderá ser distribuída libremente a toda a cidadanía, desde a infraestrutura de datos espaciais de Galicia. Asi mesmo, tamén permitirá aos distintos tipos de usuarios (administracións, empresas e cidadáns) poñer en valor a información obtida para o desenvolvemento de aplicacións de diferente natureza.