As Pontes, 5 de xullo de 2021. O Concello das Pontes pon en marcha, a partir desta fin de semana, un programa cultural, conformado por máis dunha vintena de actividades, de pequeno formato, no que se conxuga o lecer coas medidas sanitarias en vigor.

Así, a programación desenvolverase no patio do colexio Santa María, unha ubicación, que en palabras do responsable de Cultura, Vicente Roca “nos permite dispoñer dun espazo acotado que facilita o control de acceso do público, o mantemento da distancia interpersoal, garantindo que se cumpran as medidas establecidas polo goberno autonómico no protocolo de espectáculos ao aire libre fronte a Covid 19”.

Co obxectivo de garantir o control de aforo e a distancia de seguridade entre o público asistente, o aforo de cada actividade estará limitado a un máximo de 400 persoas, e público deberá permanecer sentado e sempre con máscara, non estando permitido fumar, beber ou comer no recinto.

Para acceder ao recinto será preciso retirar as invitacións – no caso das actividades de balde- ou mercar as entradas, que xa están a disposicion do público, a través da páxina web www.tickentradas.com.

O programa comezará co festival Orballo Cultural, un ciclo de concertos de recoñecidos artistas galegos e nacionais, pero con oco tamén para a música local. O Orballo Cultural pontés comezará o sábado 10 de xullo cunha sesión vermú ás 12.30 horas amenizada por Verto, o grupo sensación do panorama musical galego.

Ese mesmo día, ás 21.30 horas, Ptazeta, autora de temas virais como ‘Mami’ ou ‘Trakata’, dará o seu primeiro concerto en Galicia. Depois será a quenda para que o pontés Manufa poña sobre o escenario música que define como aleatoria e variada. O domingo ás 12.30 horas serán Baiuca e a súa banda quen amenicen a xornada ca súa renovación da música tradicional galega.

O xoves, 15 de xullo, arrancará o Festival de Música Clásica Son As Pontes, organizado polas Xuventudes Musicais da Coruña, en colaboración co Conservatorio Municipal de As Pontes. Desde o 15 ao 20 de xullo, decenas de artistas invitad@s e alumnado, que participan no ciclo de novas promesas, achegará aos ponteses e pontesas a música de cámara do máis alto nivel. Concertos de vento, de guitarra, cuartetos con piano, pezas de Schubert, Beethoven ou Strauss son algunas das propostas deste festival do que se poderá gozar na Casa Dopeso, no Cine Alovi e ao aire libre, na praza da Igrexa de Santa María.

O venres, 16 de xullo, a compañía de teatro local O Catre actuará ás 20:30 horas no Cine Alovi e ás 22:00 horas, no partio do colexio Santa María será a quenda para o grupo de rock León Benavente, coa súa xira de verán 2021, na que farán un percorrido polo seu repertorio musical entre o que destacan temas como Gloria, Ánimo Valiente , Revolución ou Ser Brigada.

O sábado, 17 de xullo, para as crianzas haberá música da man de Uxía Lambona e a Banda Molona, que chegan ás 12:30 horas, ao patio de Santa María co espectáculo Astronauta Sideral, onde nenos e nenas xunto con extraterrestres non poderán parar de bailar e cantar a ritmo de cumbia, ska ou rock&roll e outros estilos musicais, recuperando a música tradicional e actualizándoa.

Ese mesmo día, a partir das 21:30 horas, no patio de Santa María, a veciñanza poderá gozar co Euterpe, agrupación coral conformado por antigo alumnado do conservatorio municipal que recuperan temas da década dos anos 90 para darlles o seu toque persoal, e co coro feminino, Sisters in the House cun repertorio que abarca desde temas pop dos Beatles ou Beyonce, pasando polo rock dos Rolling Stones ou o soul clásico de Ray Charles, Stevie Wonder e Aretha Franklin, así como unha sección de cancións populares galegas como “A Rianxeira“ ”Negra Sombra“ ou “O tren”.

O domingo, 18 de xullo, ás 12:30 horas, tamén no patio do Colexio Santa María haberá un concerto da Banda Cultural e Recreativa das Pontes e xa pola noite, ás 22:00 horas, será a quenda para a orquestra Os Satélites e Sito Sedes.

A programación cultural continuará o luns, 19 de xullo, ás 12:00 horas, no patio de Santa María, co concerto infantil “Paio e o poder da música” a cargo de Oviravai, no que Paio, o teixugo, Aureilo o oso e Armando o armadillo van descubir o poder da música e a amizade e a importancia de coidar do planeta. Xa pola tarde, ás 19:30 será a quenda para o Festival Internacional de Folclore que contará coa participación de grupos de Galicia, Perú, Illa de Pascua e Senegal.

Por outra banda, desde o día 17 ao día 19, haberá pasarúas a cargo dos grupos tradicionais Canavella, No Cómbaro, Os Feroces da Galguiera e Os Trevillas.

O martes, 20 de xullo, a partir das 19:00 horas, haberá actividades para as crianzas da man de Pablo Díaz e o seu espectáculo “Canta Música” e de Pablo Mendez Performances con Transformers, a partir das 19: 45 horas.

O día 21 continuará a programación para o público infantil coa obra de teatro “A verdareira historia de Hamelin da compañia Moc Moc, ás 19:30 horas, na que a través do humor e a participación do público, as persoas asistentes coñecerán de verdade o que sucedeu en Hamelin.

Despois dun breve descanso, a programación voltará o día 24 de xullo coa compañía, Gramola Gominola e o seu espectáculo “Bravas. O rexurdir da luz” no patio de Santa María, ás 12:30 horas e co concerto de Quenindiole e Pelepau ás 21:00 horas. Ademáis ese mesmo día, voltarán os pasarúas dos grupos tradicionais Canavella, No Cómbaro, Os Feroces da Galguiera e Os Trevillas.

O día 25 de xullo, aas charangas Ardores, Charangos, Os Celtas, Santa Compaña, La MeKánica, Louband e BB animarán as rúas da vila.

A programación deseñada polo departamento de cultura finalizará o día 31 de xullo co concerto do grupo local Jin Tony´s Son, ás 12:30 horas no patio do colexio de Santa María e co actuación, ás 22:00 horas de Greats Straits co seu tributo a Dire Straits.