As Pontes, 30 de maio de 2024. O circuíto de karting das Pontes albergará, este sábado día 1, a quinta edición do Slalom Vila das Pontes, puntuable para o Campionato Galego de Slalom.

A proba, organizada dende o Automóbil Club As Pontes (ACAP), presentouse onte aos medios nun acto que estivo encabezado pola edil de Deportes, Elena López, e no que tamén tomaron parte os integrantes da directiva do club pontés.

A edil deu conta da espectacularidade dun evento singular no calendario autonómico desta disciplina ao ser o único que se desenvolve nun circuíto de karts e apuntou que “se trata dunha cita de gran atractivo entre os seguidores e seguidoras deste tipo de competicións, que volve situar a As Pontes, unha vez máis, no mapa deportivo autonómico”

Elena López animou a veciños e veciñas a “darlle unha oportunidade a un deporte que aínda é descoñecido para moitos pero que engancha polas múltiples variedades de competición que ofrece”. De feito a concelleira apuntou que “un enclave como é o circuíto de karts é óptimo para que, ademáis dos propios pilotos, desfrute público de todas as idades que poderán acceder ao circuíto ao longo de toda a xornada”.

A proba pontesa contará con 64 inscritos para as sete modalidades que se van desputar ao longo de toda a xornada. Segundo apuntaron dende a directiva de Acap, a cifra de anotados é todo un éxito e contarase con nomes tan relevantes deste deporte como Manuel Trevín e con escudeirías como Siroco Narón, Scrach Fene ou Sarria Motor.

Segundo explicou Emilio Ledo, de Acap, os participantes deberán facer fronte a un percorrido de algo máis de 1.300 metros, en dúas mangas oficiais, e haberá un total de sete agrupacións xa que, como novidade para este ano, incluíuse o grupo VII que aglutina vehículos de rúa de 1.200 cc de cilindrada máxima.

Haberá premios para os oito mellores da clasificación xeral; tres premios en cada unha das agrupacións e o Trofeo Talleres Trevín para o último clasificado sen penalizacións. Asemade tamén se recoñecerá aos dous mellores debutantes e en categoría feminina tamén se entregarán dous premios ás pilotos mellor clasificadas da proba.

En canto aos horarios, ás 08.30 farase entrega dos dorsais e faranse as verificacións técnicas dos vehículos participantes. Ás 11.00 arrincará a primeira manga de adestramentos e xa dende as 16.00 horas desputarase a primeira manga oficial. Ao seu remate arrincará a segunda manga puntuable para este trofeo.

A entrega de premios está marcada para as 22.00 horas, nas mesmas instalacións do circuíto pontés.