As Pontes, 14 de novembro de 2025. O próximo martes 18 de novembro, ás 11:00 horas, a AVV A Choupana de As Pontes acollerá unha nova sesión do programa “Cociña +60. Receitas de vida” posto en marcha pola Fundación FAMYC (Fundación de Axuda a Maiores e os seus Coidadores) coa colaboración do grupo NOVE e o patrocinio de GADIS,  a través da que se busca  fomentar hábitos alimentarios saudables entre as persoas maiores, combinando a aprendizaxe práctica na cociña con consellos nutricionais adaptados ás necesidades desta etapa da vida.

O obradoiro das Pontes está deseñado para ensinar receitas sinxelas, equilibradas e económicas, baseadas en produtos locais e de tempada, facendo da cociña un espazo de saúde, creatividade e autoestima, incluso para aquelas persoas que viven soas, mellorando a calidade da alimentación e promovendo o aproveitamento da cesta da compra

A actividade contará coa participación dos recoñecidos cociñeiros Daniel López, do restaurante O Camiño do Inglés (Ferrol), e Iván Domínguez, do restaurante NaDo (A Coruña), xunto coa nutricionista Lucía Miyar Gil, que achegará consellos prácticos sobre nutrición e aproveitamento da cesta da compra.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse chamando ao teléfono 981 441 008, facilitando os seus datos para formalizar a inscrición.

“Cociña +60. Receitas de vida”

O programa “Cociña +60. Receitas de vida” é unha iniciativa impulsada pola Fundación de Axuda a Maiores e os seus Coidadores (FAMYC) co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas maiores, especialmente aquelas que viven solas.

A través de obradoiros prácticos de cociña, as persoas participantes aprenden a preparar menús saudables, equilibrados e económicos, aproveitando ao máximo os alimentos e con receitas sinxelas e accesibles.

A proposta baséase no uso de produtos locais e de tempada e en técnicas que permiten aforrar tempo e reducir o desperdicio, todo orientado a fomentar un estilo de vida máis saudable, a autonomía persoal e o benestar emocional das persoas maiores.

A Fundación FAMYC
A Fundación FAMYC (Fundación de Axuda a Maiores e os seus Coidadores) é unha entidade sen ánimo de lucro con sede en Ferrolterra que traballa para apoiar ás persoas maiores, especialmente aquelas con menos recursos ou que viven solas, así como as persoas coidadoras non profesionais. A súa misión inclúe ofrecer acompañamento, formación, actividades sociais e programas de capacitación para mellorar a seguridade e a autonomía das persoas maiores, previr a soidade e promover a dignidade e a calidade de vida.

GRUPO NOVE

 

O Grupo NOVE é unha asociación galega de cociñeiros e cociñeiras de prestixio que defende unha gastronomía creativa, emocional e profundamente enraizada no produto galego.

Os seus valores están plasmados nun decálogo que inclúe a defensa da identidade galega, a sustentabilidade, o respeito pola cadea de valor produtor‑cociñeiro‑comensal, a educación e a colaboración con outros ámbitos creativos e sociais.

Ademais de promover unha gastronomía de calidade baseada en produtos locais e de temporada, o Grupo NOVE participa en iniciativas sociais para impulsar unha gastronomía con sentido, non só no prato, senón tamén no territorio.