Nova visita de estudantes a “As Pontes, Experiencia Industrial”

108

As Pontes, 28 de xuño| Este luns a Fundación Paideia-Galiza e a Asociación de Desenvolvemento Local DELOA visitaron unha vez máis empresas do proxecto de Turismo Industrial promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC).

Nesta ocasión, os visitantes foron mozas e mozos residentes nas comarcas de Coruña, Santiago de Compostela e Ferrolterra, que están a participar nun obradoiro de emprego promovido pola Escola de Organización Industrial (EOI), moitos dos cales visitaban por primeira vez As Pontes.

A primeira parada do traxecto foi no Centro de Dinamización Empresarial SEARA sito no Polígono de Penapurreira, onde coñeceron da man de Pepe Castro, presidente da Asociación de Empresarios SEARA, os servizos que alí se ofrecen de asesoramento tanto aos seus 60 asociados como ás empresas instaladas no seu centro de iniciativas empresariais. Pepe Castro fíxo moito énfase no impulso a accións para traballar os valores asociados á cultura emprendedora tanto nas empresas, como entre os futuros emprendedores e nos centros educativos. Con respecto, a estes últimos, fixo especial mención á PROEM Cooperativa, un proxecto do alumnado do colexio Monte Caxado e premio ao cooperativismo educativo da Xunta de Galicia. Relativo ao premio a esta iniciativa, sinalou o contradictorio de que na mesma semana que se comunicou o galardón ao Colexio Monte Caxado, tamén se lles comunicase o peche definitivo do centro escolar.

No propio centro de SEARA, os visitantes puideron coñecer algunhas empresas como: Blindaxe Sport, adicada á creación de protección deportiva de alta calidade, e a axencia de comuniación, Eumenet. Ambas empresas, aínda que de actividades diferentes, teñen como valores clave a innovación, a creatividade e o emprendemento.

A continuación, o percorrido continuou polos principais recursos de patrimonio histórico-industrial, como o Poboado das Veigas e o lago artificial que ocupa hoxe o espazo da antiga mina a ceo aberto, e que o día anterior, tiña sido escenario un ano máis, da proba de triatlón distancia IronMan: NorthWest Triman, e na que participaron 650 competidores.

Posteriormente, os visitantes desprazáronse ata as instalacións da empresa Xaraleira, unha empresa agrogandeira, nada no ano 2003 en As Pontes, que é hoxe o maior criadeiro de micromamíferos de España. A súa actividade é totalmente innovadora, o que supuxo que fose galardoada en diversas ocasións con premios á innovación e emprendemento e os animas que crían chegan ao Parque Natural de Cabárceno, ao Zoo de Madrid e tamén a Faunia. Do mesmo xeito, a empresa exporta a Reino Unido, Francia, Portugal ou Xapón.

Tralas visitas da mañá e como remate da actividade, tanto os alumnos coma o persoal docente desfrutaron dun xantar no Mesón Sete Camiños, antes de comezar a viaxe de volta as súas localidades de orixe.

A Fundación Paideia-Galiza e a Asociación DELOA, pretendían con esta visita mostrar exemplos de territorios, persoas e proxectos emprendedores, co fin de motivar e presentar exemplos de superación no ámbito laboral ao alumnado dos talleres socio-ocupacionais que dirixen nos seus ámbitos de actuación. A responsable docente mostrou a súa gran satisfacción tanto pola hospitalidade recibida, como polo reforzo positivo que supón para xente nova que participou na visita, poder escoitar e ver proxectos de persoas que, con espírito emprendedor e con capacidade de esforzo para responder os problemas que xorden no seu día a día, lograron superar os atrancos do mercado laboral.

+INFO:

As Pontes, Experiencia Industrial www.experienciaindustrial.es

Seara www.asociacionseara.com

Xaraleira www.xaraleira.com

 

Nova visita de estudantes a “As Pontes, Experiencia Industrial”