RTVEume| Esta semana arrancou unha nova edición da iniciativa As nosas mulleres, que pon en marcha o Concello.
É a segunda edición desta aposta da Concellería de emprego por recoñecer pública e socialmente a mulleres que, pola súa traxectoria persoal, profesional ou social tiveron unha contribución directa para permitir o avance na igualdade de dereitos entre persoas do mesmo sexo.
Onte celebrouse a primeira reunión coas Asociacións Veciñais nun encontro no salón de plenos, presidido pola Concelleira de emprego, Ana Pena, que estivo acompañada pola directora do CIM, Maca Rego.
As Asociacións Veciñais comprometéronse en facer as súas propostas dando o nome das candidatas que ven máis idóneas, así como os motivos polos que deben ser incluídas. Todas aquelas mulleres propostas por cada asociación serán homenaxeadas nun acto público.
Este ano non haberá xurado porque non se escollerán finalistas. Ata o vindeiro día 4 de marzo de 2016 recolleranse propostas que deben vir avaladas por cada entidade veciñal, e o día 8 de marzo de 2016 faranse públicos os nomes das galardoadas.
Todas as propostas cederán os seus datos para a elaboración dun libro no que se recollerán as traxectorias persoais, profesionais e sociais de cada unha das mulleres. No acto público, que se celebrará no mes de xullo, proxectarase un video que recollerá a traxectoria destas mulleres.