As Pontes, 30 de xuño de 2023. O Concello das Pontes recibiu hoxe aos organizadores, corpo docente e tamén participantes na II edición do Training Technical Campus As Pontes, organizado pola Federación Galega de Motociclismo e as escolas de Pilotos MVR e Squadra School, coa colaboración do cabildo pontés.

A edil Elena López foi a encargada de recibir a docentes, participantes e organizadores dun evento que onte mesmo se puxo en marcha nas instalacións do circuíto de velocidade da localidade , e que se desenvolverá ata o domingo.

A concelleira agradeceu que, por segundo ano consecutivo, se confiase na vila pontesa como sé desta actividade, ao tempo que deu conta o gran traballo desenvolvido pola organización do evento. En palabras de Elena López “ é fundamental o apoio das administracións e dos clubes ao deporte de base” e salientou que, entre o medio cento de participantes nesta cita, tamén se impulse a presenza feminina, con nove rapazas vencelladas ao mundo dos karts e das motocicletas, entre os inscritos neste curso.

Pola súa banda, o presidente da escola de pilotos MVR, Inocencio Moirón, agradeceu o respaldo da administración local e da propia federación para poñer en marcha este segundo campus e no que adiantou que se introduciron novidades con respecto á súa primeira convocatoria.

Moirón apuntou que, ademáis das clases teóricas de mecánica, telemetría ou táctica en pista , se van impartir sesións de adestramento físico e psicolóxico e nutrición da man de especialistas coma Eva González Devesa, o doutor en Saúde e Motricidade Humana, Daniel Gonzáles Devesa ou o experto en liderato deportivo, Jacobo Ceide Franqueira.

Asemade, ata a Casa do Concello se desprazou parte do corpo docente do campus, coma o mecánico de karting Miguel Falcó, de Marlon Kart, que repite como formador en As Pontes e que explicou que o obxectivo fundamental destas sesións pasa por aplicar todo a aprendido a nivel teórico en pista.

Tamén se contou coa piloto internacional María Herrera, que ostenta o título de maior puntuación feminina no mundial de Moto Gp e que, a día de hoxe, compite no Mundial de Moto E. Ela será a encargada de transmitir a súa ampla experiencia persoal neste deporte aos alumnos e alumnas, e á que se sumará, estes días, o piloto luso André Pires.

A formación completarase con técnicos especialistas en pneumáticos, suspensión e xeometrías.

Asemade, os e as participantes contarán con iniciativas lúdicas á marxe da formación, coma unha visita ao lago das Pontes, unha xornada no circuíto de pump truck local e diferentes actividades complementarias.

A clausura deste II campus de mecánica de competición está marcada para o domingo ás 13.30 horas, no propio circuíto de velocidade das Pontes, coa entrega de diplomas a todas as persoas asistentes.