As Pontes, 7 de decembro| O departamento municpal de Medio Rural vai desenvolver, o vindeiro luns, unha interesante charla sobre a normativa actual de Galicia en materia de actividades forestais e prevención de incendios.

Será ás 19.30 horas, nas dependencias do Lar de Endesa, con entrada libre para todos aqueles veciños e veciñas que queiran afondar na lexislación vixente sobre o coidado dos montes e as actuacións de prevención e defensa contra os lumes nos montes galegos ou que desexen solventar calquer tipo de dúbida ao respecto.

De feito, a charla abordará, nunha primeira parte, a lei 7/2012 do 28 de xuño de Montes de Galicia, que recolle dende a distancia de prantación con terreos colindantes que deben acatar os propietarios das parcelas en Galicia ata as especies permitidas ou a práctica do pastoreo e a repoboación forestal.

Asemada, tamén será obxecto de debate a lei 3/07, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios en Galicia.

Para dar conta destas dúas importantes leis, ata As Pontes se desprazarán o xefe do Distrito Forestal I- Ferrol, Jorge Vázquez; a técnica Mónica Estévez e varios axentes facultativos medioambientais.

Por suposto, tamén haberá lugar para as preguntas unha vez remate a charla que será de entrada libre ata completar aforo.