As Pontes, 10 de xullo| O sábado 9 e domingo 10 de Xullo celebrouse nas Pontes de García Rodríguez a 5ª edición do 3×3 Basket&Music, todo un clásico das competicións estivais en Galicia e co que se daba o pistoletazo de saída ao Circuíto Galego de Baloncesto 3×3.

O sábado xogouse íntegra a competición senior masculina resultando vencedores o equipo Circus Shot (terceira vitoria consecutiva neste torneo), formado por Erik e Sergi Quintela, Guillermo Pereiro e o MVP do torneo Charles Knaloulou. En segundo lugar acabou o equipo dos Chocos de Chechu e en terceira posición 5 Dedos de frente. Foi esta unha xornada cun excelente nivel de xogo e con grandes demostracións atléticas que fixeron gozar ao público presente de varios mates e xogadas espectaculares.

O domingo 10 reservouse para a categoría senior feminina. Entre 10 da mañá e 3 da tarde xogáronse os grupos de clasificación con partidos intensos e moi competidos, decididos algúns deles nos segundos finais. A final e semifinais tampouco desentonaron e foron uns partidos espectaculares chegando a xogarse unha prórroga na gran final que disputaron Fuika Team e o equipo lucense das Precipotadas. Este último equipo formado por Pomba Dorda, Sara Cuiña ,Raquel e Susana Asensio acabou sendo o xusto gañador do torneo e tamén contou nas súas filas coa MVP, Raquel Asensio. O terceiro posto foi para o equipo Clame que venceu ás VitaFit.

Unha vez máis, vimos como o nivel dos partidos foi moi alto en ambas as categorías, a participación de xogadores/as federados contribúe directamente a esta mellora e o baloncesto 3×3 cada vez aumenta o seu grao de profesionalización, sen esquecer tampouco o lado lúdico destes eventos. A próxima cita do Circuíto Galego será en Boiro o fin de semana do 23 e 24 de xullo.