RTEume| A Casa do Mel de Goente puxo en marcha, esta pasada fin de semana, a súa axenda formativa para estes dous meses e, nada mellor que inaugurar esta tempada de cursos achegando aos xiareiros da apicultura e das abellas os coñecementos básicos neste campo.

De feito, unha ducia veciños e veciñas foron os que se animaron a anotarse no primeiro dos obradoiros formativos que se ofertan, para as vindeiras semanas, dende esta asociación. Como eixo central para este primeiro curso tocou afondar nos principios básicos da apicultura cun taller de iniciación no mundo das abellas e que se están a encargar de impartir Manuel Ferreira e Isabel Gotti.

Durante catro sesións, os participantes poderán adentrarse non só no mundo das abellas como ser vivo senón tamén coñecer as súas tempadas de cría ou de producción de mel; as súas rutinas, ciclos biolóxicos e, por suposto, as principais liñas e actuacións a seguir á hora de colleitar o mel, xunto coas diferentes tipoloxías deste doce alimento que hai no mercado e as súas principais características en canto a cor, textura ou sabor.

Esta fin de semana celebraráronse as dúas primeiras sesións formativas pero tanto o sábado coma o domingo que vén terán lugar as dúas derradeiras sesións, novamente, en horario de 4 a 9 da noite e na Casa do Mel de Goente.

Pero aquí non quedan as actividades formativas que nos ofrecen dende a Casa do mel e é que a segunda acción formativa versará sobre a colleita e envasado de pole. Celebrarase os días 16 de Maio, en horario de 9 da mañá a 1 da tarde; e o domingo 17, de 4 a 9.

Por outra banda, e mantendo a liña de ofrecerlles aos apicultores a formación necesaria nas temáticas que lles interesan, a Delegación do Eume da Asociación Galega de Apicultura vai celebrar unha sesión de traballo sobre a vespa velutina. Trátase en concreto da convocatoria dun curso de trepa para a retirada de niños de velutinas. Celebrarase o sábado 30 de Maio, en sesión de mañá e de tarde, de 10 a 1, e de 4 a 8 do serán.

E finalmente, en xuño prevese a realización dun novo curso de cría de raíñas e extracción de xelea real. Desenvolverase os días 13, 14, 15, 18, 21, 23 e 24, en horario de 4 a 9 da noite.

Todos os cursos terán como escenario a Casa do Mel de Goente e para anotarse en calquera das accións formativas, os interesados deben telefonar aos números 981 102 249 ou 661 003 636.