RTVEume| A concellería de Promoción Económica, Industria, Hostalería e Comercio adiantou a o xoves 30 de abril as súas tradicionais visitas de venres ás diferentes empresas do municipio, ao abeiro do programa As Pontes, Experiencia Industrial, impulsado por este departamento mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica.

Tras tres semanas visitando empresas de fertilizantes, caldereiría ou cría de pequenos roedores; para esta cuarta saída apostouse polo mundo da madeira, do seu tallado e torneado e por unha desas firmas míticas que todos os veciños e veciñas coñecen polo seu nome e a súa gran tradición de hai máis de século e medio. E é que nesta ocasión, a trintena de veciños participantes puideron ver os entresixos e cómo se desenvolve o día a día na empresa de artesanía da madeira Adera, ubicada no polígono da Cruz das Cabezas.

Pertencente á coñecida e mítica familia pontesa de Severiano, Adera abría hoxe as súas portas aos veciños e veciñas e tamén aos técnicos da empresa Deloga que se está a encargar de coordinar estas visitas ao corazón das factorías locais.

Coma sempre, a expedición partía pasadas as dez da mañá de diante da Casa do Concello e, dende alí, os excursionistas se trasladaron ata o polígono da Cruz das Cabezas onde puideron ver in situ os procesos e liñas de fabricación que se seguen nesta factoría para dar vida non só a fermosos obxectos de decoración que aunan tradición e modernidade, senón tamén a produtos que podemos atopar nos nosos fogares coma accesorios de baño ou cociña, elementos de construcción coma balaustres, barandas, escaleiras ou chanzos ou accesorios para mobles.

Máis de 3.000 metros cadrados de instalacións especializadas no tratamento máis artesanal da madeira pero sempre dando resposta ás necesidades de cada cliente e que, os veciños e veciñas puideron coñecer máis polo miúdo grazas tamén ás explicacións do artesán Manolo Castro e do seu sobriño, agora encargado da xestión da empresa.

Tras desta visita tocaba novamente subirse ao autocar e visitar outros puntos de interese coma o Poboado das Veigas, o Muíño de Prieto, a Vilavella ou o lago de As Pontes, tamén grandes escenarios da evolución industrial da nosa vila e que serviron para pechar esta cuarta experiencia industrial.