As Pontes, 26 de decembro| Un grupo de 15 emprendedores do CIE Mans localizado no Polígono de Pocomaco na cidade da Coruña, visitaron As Pontes no marco do proxecto de Turismo Industrial promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC) e como parte do programa de intercambio de experiencias empresariais da Fundación Paideia-Galiza, responsables do Centro Mans.

Trala súa recepción e un percorrido polas instalacións do Centro de Dinamización Empresarial SEARA, a directora do centro Carolina García explicou a labor que desempeña a asociación de empresarios industriais Seara formada por máis de 60 empresas, e presentou ao equipo de dúas das iniciativas emprendedoras presentes na incubadora: Intacta Xestión Ambiental e Blindaxe Sport.

A continuación, o grupo de emprendedoras e emprendedores continuaron a visita pola Polígono Industrial de Penapurreira, onde tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións fabrís de Einsa Print e INTASA-Galparquet, onde foron recibidos polos seus responsables.

Tamén houbo tempo para coñecer os principais recursos de patrimonio histórico-industrial, como: o Poboado de As Veigas, construído a mediados dos anos 50 e o proxecto de restauración ambiental do lago mineiro, un dos máis grande de Europa.

Como remate desta visita, a Concelleira de Emprego e Turismo, Ana Pena, fíxonlles entrega de material promocional do concello e convidounos a desfrutar das festas navideñas da nosa vila.

O Centro de Iniciativas Empresariais Mans, localizado no polígono industrial de Pocomaco, en A Coruña, concentra a máis de 40 empresas de diferentes sectores económicos. Esta visita serviu para os e as participantes como una fonte de experiencias, así como para estreitar lazos entre as empresas.