Como cada 8 de marzo, desde o Concello das Pontes, sumámonos ás reivindicacións do Día Internacional das Mulleres e reiteramos o noso firme compromiso coa consolidación da igualdade entre mulleres e homes, plena e efectiva, esencial para o avance da nosa sociedade e a mellora da nosa democracia.

Este 2022, Nacións Unidas elixiu como lema para este día “Igualdade de Xénero hoxe para un mañá sostible”.co obxectivo de recoñecer e visibilizar a contribución das mulleres na loita contra o cambio climático. As mulleres están a liderar os esforzos de resposta, mitigación e adaptación ao cambio climático para construír un futuro máis sostible. Potenciar a igualdade entre mulleres e homes nun contexto de crise climática é un dos maiores desafíos do noso século.

A igualdade é unha cuestión de calidade democrática e tamén garantía de que o benestar se produza para todas as persoas e non á conta da metade da poboación. As mulleres non somos un colectivo, somos a metade da humanidade, e polo tanto, a desigualdade e opresión que sufrimos por ser mulleres golpea directamente ao corazón das nosas democracias xa que impide o desenvolvemento pleno da nosa condición de cidadanía.

A crise puxo de relevo tanto a importancia fundamental das contribucións das mulleres como as cargas desproporcionadas que soportan. Ademais, advirte que por mor da pandemia da Covid-19 xurdiron novos obstáculos, que se suman aos de carácter social e sistémico que persistían antes e que frean a participación e o liderado das mulleres. Porque a pesar de que as mulleres constitúen a maioría do persoal de primeira liña, aínda están infrarrepresentadas nos espazos de poder e da toma de decisións.

Desde a corporación local defendemos que hai que intervir para paliar esta situación. Desde as nosas respectivas responsabilidades, estamos a traballar para que esta crise non deixe a ninguén atrás e tampouco leve por diante ás mulleres.

Necesitamos políticas dirixidas a pechar as moitas fendas que nos quedan aínda pendentes como a laboral e salarial, a fenda dixital ou a da corresponsabilidade. Actuacións destinadas a impulsar a corresponsabilidade e a corrixir as situacións de desigualdade das mulleres desde o ámbito rural ao investigador e tecnolóxico. Porque ningún deles son compartimentos estancos, e só abordándoos transversalmente poderemos deseñar os mecanismos certeiros para acabar coa desigualdade.

Debemos seguir demandando políticas dirixidas a loitar contra a pobreza infantil e a de moitas mulleres con fillos e fillas a cargo. Políticas contra a prostitución e trata de mulleres e nenas, contra os ventres de alugueiro, contra todo aquilo que supón un ataque frontal aos dereitos humanos das mulleres.

Acabar coa discriminación entre mulleres e homes e o patriarcado resulta non só un deber ético senón un inaprazable compromiso histórico no que todas as institucións públicas deben e teñen que participar de xeito activo.

Desde o Concello de As Pontes amosamos o noso compromiso coa erradicación da violencia de xénero, o fin da precariedade laboral e a brecha salarial, a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a abolición da trata de persoas con fins de explotación sexual. Queremos unha sociedade paritaria e participativa na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito. Unha sociedade que trate ás mulleres como persoas libres para tomar as súas propias decisións.

O 8 de marzo reivindicaremos todo o que queda por facer. A igualdade real e efectiva é o horizonte cara o que temos que camiñas xuntas, unidas e firmes. Existe unha ameaza real de reversión dos logros das mulleres que tanto esforzo custou conseguir.

Declaramos a nosa firme vontade para continuar creando unha sociedade xusta, onde mulleres e homes teñan os mesmos dereitos e onde as nenas e os nenos medren en igualdade de oportunidades con independencia do seu xénero.

O feminismo é a resposta a esa concepción do mundo no que as mulleres somos cidadás de segunda categoría. O feminismo é a resposta á sociedade patriarcal que se sostén sobre a explotación e opresión da vida e os corpos das mulleres. Este 8 de Marzo queremos destacar, fronte a quen negan, vulneran e atacan os dereitos das mulleres, o profundo valor democrático que o feminismo supuxo para a liberdade das mulleres en todo o mundo.