Como cada 8 de marzo, desde o Concello das Pontes, sumámonos ás reivindicacións do Día Internacional das Mulleres e reiteramos o noso firme compromiso coa consolidación da igualdade entre mulleres e homes, plena e efectiva, esencial para o avance da nosa sociedade e a mellora da nosa democracia.

É necesario lembrar que o Día 8 de Marzo, foi institucionalizado por decisión das Nacións Unidas en 1975, como o Día Internacional das Mulleres, recoñecendo de maneira implícita que as mulleres, a metade da poboación do planeta, vive e habita nel en clara desvantaxe cos homes, admitindo a necesidade de deseñar políticas públicas que corrixan esta situación de desigualdade e clara discriminación.

Neste 2024, o lema elixido polas Nacións Unidas é “Investir nas mulleres: acelerar o progreso”. Non se pode avanzar sen a metade da poboación, que son as mulleres, nin a costa delas. Tal e como expresan as Nacións Unidas, “a igualdade de xénero é o maior desafío actual en materia de dereitos humanos”. Ademais, “o progreso das mulleres é un factor que beneficia a toda a sociedade”. O feminismo é unha proposta igualitaria e emancipadora que apela ao conxunto da sociedade.

A igualdade é unha cuestión de calidade democrática e tamén garantía de que o benestar sexa unha realidade para todas as persoas e non á conta da metade da poboación.

Somos a metade da humanidade, e polo tanto, a desigualdade e opresión que sufrimos por ser mulleres golpea directamente ao corazón das nosas democracias xa que impide o desenvolvemento pleno da nosa condición de cidadanía.

Aínda queda moito por facer para acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en materia de emprego e coidados. Conseguir a paridade na toma de decisións e acabar coa fenda salarial, rematando coa parcialidade involuntaria á que se ven obrigadas moitas mulleres. É imprescindible potenciar os servizos de coidados dende o público para facilitar que a maternidade non penalice ás mulleres no mercado laboral, porque sobre elas recae o peso dos coidados. As consecuencias deste feito non se miden só en termos de renta presente, senón que tamén afectan ás pensións futuras.

Actuacións destinadas a impulsar a corresponsabilidade e a corrixir as situacións de desigualdade das mulleres desde o ámbito rural ao investigador e tecnolóxico. Porque ningún deles son compartimentos estancos, e só abordándoos transversalmente poderemos deseñar os mecanismos certeiros para acabar coa desigualdade.

Tamén somos moi conscientes das maiores dificultades que teñen as familias monoparentais (máis do 80% encabezadas por mulleres); as mulleres rurais, con maior dispersión de recursos e máis dificultades para acceder a eles; as mulleres con discapacidade ou migrantes, atravesadas por diversas discriminacións que aumentan a súa vulnerabilidade.

Debemos seguir demandando políticas dirixidas a loitar contra a pobreza infantil e a de moitas mulleres con fillos e fillas a cargo. Políticas contra a prostitución e trata de mulleres e nenas, contra os ventres de alugueiro, contra todo aquilo que supón un ataque frontal aos dereitos humanos das mulleres.

Acabar coa discriminación entre mulleres e homes e o patriarcado resulta non só un deber ético senón un inaprazable compromiso histórico no que todas as institucións públicas deben e teñen que participar de xeito activo.

Desde o Concello das Pontes amosamos o noso compromiso coa erradicación da violencia de xénero, o fin da precariedade laboral e a brecha salarial, a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a abolición da trata de persoas con fins de explotación sexual. Queremos unha sociedade paritaria e participativa na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito. Unha sociedade que trate ás mulleres como persoas libres para tomar as súas propias decisións.

Comprometémonos a planificar as políticas municipais tendo en conta a perspectiva de xénero para garantir a aplicación transversal do principio de igualdade de xénero a través da aprobación e posta en marcha do IV Plan de Igualdade de Xénero 2024-2027 do Concello de As Pontes.

Hoxe en día, malia os avances que temos conquistado, estamos a ver como os dereitos tamén se poden perder. É preciso seguir impulsado medidas encamiñadas a garantir o cumprimento dos dereitos e obrigas recoñecidos a día de hoxe na lexislación vixente; impulsar novas políticas e seguir a traballar de maneira transversal en todos os ámbitos para conquistar novos dereitos e impedir calquera retroceso nos xa recoñecidos.

O 8 de marzo reivindicamos todo o que queda por facer. A igualdade real e efectiva é o horizonte cara o que temos que camiñar xuntas, unidas e firmes. Existe unha ameaza real de reversión dos logros das mulleres que tanto esforzo custou conseguir.

Declaramos a nosa firme vontade para continuar creando unha sociedade xusta, onde mulleres e homes teñan os mesmos dereitos e onde as nenas e os nenos medren en igualdade de oportunidades con independencia do seu xénero.

Este 8 de Marzo queremos destacar, fronte a quen negan, vulneran e atacan os dereitos das mulleres, o profundo valor democrático que o feminismo supón para a liberdade das mulleres en todo o mundo.

Xuntas e xuntos, podemos construír un mundo onde todas las mulleres e nenas poidamos vivir libres de discriminación e violencia, e alcanzar la igualdade real!