Un ano máis, os grupos políticos con representación no Concello das Pontes, súmanse á reivindicación do Día Internacional da Muller. Este ano, a ONU, escolleu como lema “Soy de la Generación Igualdad: por los derechos de las mujeres” con motivo da celebración do 25 aniversario da Conferencia de Beijing que marcou un punto de inflexión na axenda mundial da igualdade entre mulleres e homes, fixando unha folla de ruta máis progresista para o empoderamento das mulleres e as nenas en todo o mundo, tratando de eliminar a práctica arraigada que negaba a participación pública das mulleres en todo o mundo.

A pesar dos progresos, o cambio real é desesperadamente máis lento para a maioría das mulleres e nenas no mundo. A día de hoxe, ningún país acadou a igualdade de xénero. Existen unha serie de obstáculos que permanecen sen cambios, nin na lexislación nin na cultura.

As mulleres seguen sendo infravaloradas, traballan máis e gañan menos, teñen menos opcións e sofren múltiples formas de violencia de xénero, no fogar e en espazos públicos.

Aínda persisten discriminación, a pesar das conquistas. Aínda hai quen cuestiona o feminismo intentado devolvernos ao pasado, negando a violencia de xénero e a violencia sexual. Pero non hai punto de retorno, o feminismos é imparable e a súa forza e poderosa e transversal. As mulleres temos conquistado espazos e dereito sobre os que non podemos dar un paso atrás.

Quedan moitas cousas por facer. É preciso continuar avanzando en igualdade para dar resposta e solucións aos problemas e aos obstáculos que as mulleres teñen que salvar para poder exercer as súas liberdades e dereitos.

Cada Día Internacional da Muller, goberno, institucións públicas e privadas, asociacións civís, axentes socias e a cidadanía saen as rúas das nosas vilas para facer balance dos logros acadados, e esixir, cunha única voz, o cumprimento das leis e medidas que garanten, en nome do dereito e a xustiza unha sociedade paritaria e participativa.

Xunto á revisión dos logros é preciso sumar a súa defensa e a súa protección. É preciso continuar reunindo esforzos, desde a igualdade e a equidade, coas voces de todas e todos, para que as mulleres vivan libres, sen medo, perciban o mesmo salario por un traballo de valor igual e estean representadas, en igualdade, nos órganos de decisión político e empresarial para propiciar a súa participación nunha sociedade que e tan delas, tan nosa, como do resto de persoas.

De forma corresponsable, mulleres e homes debemos impulsar un camiño que permita crear e consolidar economías, sistemas sociais e políticos baseados na defensa dos dereitos e liberdades fundamentais e nela, os Concellos temos a obriga de asegurar o seu desenvolvemento para acadar que a igualdade de xénero sexa unha realidade.

O Concello das Pontes súmase á conmemoración desta xornada para loitar contra a desigualdade e para emprender cantas actuacións sexan precisas a favor dos dereitos das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.

As entidades locais somos figuras clave para a promoción da igualdade e a erradicación da violencia. Só traballando desde o territorio, e de forma transversal, poderemos avanzar na construción dunha sociedade libre de violencia.

A fenda salarial entre homes e mulleres constitúe unha discriminación por razón de sexo. A loita pola equiparación salarial entre homes e mulleres debe fomentarse a través da implantación de políticas de igualdade nas nosas vilas e cidades.

Outro ámbito de discriminación é a do traballo no fogar e nos coidados, onde seguen existindo desigualdades en canto á corresponsabilidade e precarización no traballo doméstico e de coidados. Compre dar visibilidade e crear medidas que garantan a equidade e dignidade neste tipo de traballos, loitando contra a precarización dos mesmos.

Acabar coa discriminación entre mulleres e homes e o patriarcado resulta non só un deber ético senón un inaprazable compromiso histórico no que todas as institucións públicas deben e teñen que participar de xeito activo.

Os grupos políticos con representación no Concello das Pontes amosamos o noso compromiso coa erradicación da violencia de xénero, o fin da precariedade laboral e a brecha salarial, a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a abolición da prostitución e a trata de persoas con fins de explotación sexual. Queremos unha sociedade paritaria e participativa na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito. Unha sociedade que trate ás mulleres como persoas libres para tomar as súas propias decisións.

O 8 de marzo reivindicaremos todo o que queda por facer. A igualdade real e efectiva é o horizonte cara o que temos que camiñar xuntas, unidas e firmes. Existe unha ameaza real de reversión dos logros das mulleres que tanto esforzo custou conseguir.

Declaramos a nosa firme vontade para continuar creando unha sociedade xusta, onde mulleres e homes teñan os mesmos dereitos e onde as nenas e os nenos medren en igualdade de oportunidades con independencia do seu xénero.

Os grupos políticos con representación no Concello das Pontes amosamos o noso apoio unánime ás mobilizacións do feminismo galego do 8 de marzo, sabedores de que se as mulleres paran, o mundo para.

En As Pontes, a 6 de Marzo de 2020