O 25 de novembro é o “Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres” Por este motivo, desde a Corporación Municipal e as mulleres que hoxe nos representan, queremos amosar a nosa firme repulsa contra todas as formas de expresión de violencia machista.

A violencia contra as mulleres debe entenderse como a manifestación máis clara da desigualdade que existe entre homes e mulleres, como o maior obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria.

Compartimos a dor de tantas mulleres que sofren violencia, das fillas e fillos, nais, pais, familiares e amizades. A elas diriximos todo o noso apio, a convicción de que loitamos pola máis xusta das causas e o noso compromiso de seguir loitando ata erradicar da nosa sociedade a violencia machista.

A longo do ano 2022 foron asasinadas 76 mulleres e crianzas. En España, desde 2003, foron asasinadas 1.168 mulleres e 48 nenas e nenos desde o ano 2013. Nese mesmo período de tempo, so en Galicia, 65 mulleres foron vítimas mortais da violencia machista. Segundo datos do “Observatorio contra a violencia de xénero” do Consello Xeral do Poder Xudicial, os xulgados galegos recibiron no ano 2021 6.259 denuncias por violencia de xénero, un 2,7 % máis que en 2020, cando se presentaron 6.097. Aumentou tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois en 2020 contabilizáronse 6.073, fronte ás 6.219 de 2021, o que supuxo unha subida do 2,4 %.

A violencia contra as mulleres é unha terrible vulneración de Dereitos Humanos

que pon en cuestión a calidade democrática do noso país. O dereito á

igualdade, a liberdade, a seguridade e a dignidade crébase en cada asasinato machista.

Non podemos resignarnos a que se asuma como normalidade a traxedia dolorosamente cotiá da violencia machista, resultado, tal e como sinala Nacións Unidas, “dunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes que persisten como unha crise silenciosa”.

Cando sae á luz, a violencia física, a violencia máis identificable e perceptible, é a que fai saltar as alarmas. Pero o maltrato ás mulleres prodúcese acotío, en case todos os ámbitos da vida e baixo distintas formas: discriminación, violencia, vexación, dominio, ameaza, acoso, enmudecemento, privación… Mais recentemente recoñecida pero non por iso menos cruel, nesta lista incluíuse a violencia vicaria, é dicir, aquela que o maltratador exerce contra as persoas que a muller máis quere, normalmente fillos e fillas, coa intención de xerarlle sufrimento ou sometela.

Sabemos que o asasinato é a última e máis extrema das violencias machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres.

Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, aumentar os recursos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados… por iso, queremos incidir na prevención, na educación, na denuncia, no rexeitamento e na necesidade de non gardar silencio ante calquera tipo de violencia sobre a muller.

A loita contra as violencias machistas esixe un traballo constante e decidido, por que só o día en que ningunha muller sufra violencia, en calquera das súas formas, poderemos dicir que vivimos nunha sociedade igualitaria. Ata entón, temos a obriga de traballar sen descanso.

As institucións públicas debemos poñer no centro da nosa actividade a erradicación de todo tipo de expresións de violencia machista. Compete aos poderes públicos realizar un maior esforzo, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero que nos acheguen á consecución dunha sociedade libre de violencias.

A loita contra as violencias machistas debe ser unha prioridade institucional e política, que atravese todas as esferas, trazando estratexias en todas as áreas, na educación, no deporte, na mocidade, no emprego. Facendo participe a toda a sociedade e fomentando o rexeitamento das violencias.

Resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero. As entidades locais debemos ser as principais axentes na loita contra a violencia pola nosa proximidade á cidadanía, promovendo unha sociedade que non permita, xustifique ou banalice as agresións e as condutas discriminatorias cara as mulleres.

Só unha sociedade na que as mulleres non sufran violencia por ser mulleres pode ser considerada libres, só unha democracia libre de violencia machista é unha democracia plena.

– E así, desde o Concello das Pontes dicimos NON Á VIOLENCIA que sofren as mulleres polo simple feito de selo e COMPROMETÉMONOS a:

1. Desenvolver, no ámbito das nosas competencias e en aplicación da lexislación vixente, unha política municipal activa, integral e coordinada a favor da igualdade e contra a violencia machista.

2. Demandar a mellora e prioridade das políticas e leis a favor do desenvolvemento das mulleres, garantindo a súa aplicación en calquera espazo e circunstancia a prol defender os seus dereitos.

3. Subliñar o valor das mulleres no desenvolvemento social, económico, intelectual e humano e, por tanto, a necesidade de asegurar a súa participación plena e efectiva en todos os niveis de liderado e decisorios da vida política, económica e social, tanto pública como privada.

4. Comprometémonos a poñer recursos a prol da prevención da violencia machista, reforzando o papel do CIM, e implicando a toda a veciñanza das Pontes, en accións de carácter pedagóxico, educativo, e social que esperten a capacidade crítica, solidaria e comprometida da sociedade.

5. Implicar a toda a sociedade pontesa na loita contra tipo de violencia.

6. Fomentar actitudes solidarias e comprometidas fronte ó maltrato.

7. Fomentar a igualdade e a ruptura cos estereotipos de xénero, piares básicos na loita contra as violencias machistas.