As Pontes, 5 de outubro| A XVIII edición das xornadas apícolas do Eume botaron onte a andar da man de todo un clásico: o certame anual de cata de meles claras e escuras.

Décimo aniversario dun concurso que onte vivía a súa primeira xornada na Casa do Mel de Goente, coa análise e puntuación das 13 variedades de mel clara que se anotaron neste certame e ás que, o venres, se sumarán as meles que tomarán parte no apartado de meles escuras.

Noelia Gabeiras e Isabel Goti foron as encargadas de dirixir o proceso de avaliación e no que está a participar un xurado integrado por sete membros, entre eles o cociñeiro Antonio Díaz, do restaurante Andarubel.

A cor, o arume e o sabor foron os parámetros analisados por este xurado que, xa mañá á tarde se volverá reunir, neste caso para avaliar os candidatos ao galardón de mellor mel escura do ano.

Non será ata o domingo cando se faga entrega dos premios ás mellores propostas apícolas da tempada, como é habitual, ás 19.00 horas, ao abeiro da programación da novena edición da Feira do Queixo e do Mel.

Pero aquí non queda a intensa programación destas xornadas apícolas. De feito, á marxe da festa gastronómica do domingo e destas catas de mel da comarca, o sábado, desenvolveranse as tradicionais xornadas formativas nas que, anualmente, se abordan temas do máis interesantes para os apicultores da contorna.

Para este 2017, optouse por afondar no mundo dos propóleos, mediante tres actividades do máis atractivas e que terán a Casa do Mel de Goente como escenario.

Así, ás 10.00, Celso Cadahía e Leona Rehakova ofrecerán unha conferencia sobre a colmea termosolar como tratamento ecolóxico da varroa na cría operculada.

Xa ás 11.00, a bióloga leonesa Estrella Alfaro e o licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos Félix Adanero impartirán unha charla sobre os propóleos, e que estará aberta a todo o público que desexe participar.

Pechará o día, un taller práctico sobre a elaboración de tintura e mel de propóleos e produtos cosméticos que arrincará ás 5 da tarde. Esta xornada práctica contará cun máximo de 20 participantes que deberán anotarse previamente no teléfono 661 00 36 16 ou ben nas dependencias da Casa do Mel.