As Pontes, 5 de decembro| Malia que en moi poucos días os centros educativos da nosa vila pecharán as súas portas por mor das festas de Nadal, o colexio da Fraga non cesará na súa actividade durante estes días de descanso e é que as súas dependencias albergarán unha nova edición do programa de conciliación Campamentos Urbanos.

A concellería de Benestar Social, xunto co centro de información á muller, vólvense poñer á fronte desta xa necesidade do nadal para as familias pontesas que deben facer auténticos malabares para conciliar as súas obrigas laborais co coidado dos seus pequenos.

Os campamentos de Nadal botarán a andar o vindeiro día 22 e desenvolveranse ata o 5 de xaneiro, en horario de 9 a 2 da tarde. Para esta edición, habilitaranse un total de 50 prazas para nenos e nenas de entre os 3 e os 11 anos de idade que, ao longo dun total de 9 días poderán desfrutar de actividades do máis variopintas vencelladas coa celebración do nadal ás que se unirán tamén xogos e actividades dirixidas ao fomento da coeducación, a tolerancia e diferentes valores.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns día 11 ata o día 18, sendo necesario que as familias interesadas cubran o formulario de participación e aporten tamén a seguinte documentación: fotocopia do libro de familia; os certificados da empresa de conforme se está a traballar durante as datas nas que se desenvolvan estes campamentos ou ben de que se está a tomar parte nun curso formativo e a declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico, de darse o caso, e aboar os 40 euros de matrícula por cada participante.

No caso de rexistrarse un maior número de solicitudes que de prazas, éstas adxudicaranse dando preferenza ás familias monoparentais, aínda que tamén se terá en conta situación de respiro familiar por coidado de persoas enfermas ou dependentes, ou por enfermidades dos proxenitores.

A documentación deberá ser entregada no departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, de luns a venres en horario de 8.30 a 2 da tarde. Asemade, tamén se poderá enviar vía email ao enderezo [email protected].