As Pontes, 13 de agosto de 2020.  O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e o concelleiro de Obras, Ramón Alonso, visitaron as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana a As Pontes, que contan cun orzamento de 1.131.656,47 euros, con cargo a Deputación da Coruña, o que supón un dos maiores investimentos programados este ano na rede provincial de estradas. As obras, iniciadas este mesmo verán, avanzan a bo ritmo e prevese que estarán rematadas a principios de 2022.

González Formoso explicou que o proxecto permitirá anchear e mellorar a seguridade do vial ao seu paso polos núcleos de Goente, A Faeira e San Pedro de Eume, un tramo de preto de 9 quilómetros no que a plataforma será ampliada ata os 7 metros de ancho e arcéns de medio metro, o que contribuirá a mellorar a seguridade tanto da circulación de cehículos coma das veciñas e veciños que transitan a pé pola zona.

Nos primeiros 281 metros da estrada, onde a DP 1802 entronca coa estrada principal AC-664 que conecta Cabanas e As Pontes, executaranse unha senda peonil elevada de dous metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada, coa que se pretende garantir a circulación viandantes en condicións de seguridade.

As obras incluirán tamén a construción dunha pequena variante para eliminar os puntos máis perigosos do trazado, un sistema de drenaxe e recollida de pluviais, a completa renovación do pavimento da estrada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

As actuacións de mellora da seguridade vial na DP-1802 complétanse coa actuación levada a cabo no núcleo de Ribadeume, onde a Deputación completou hai uns meses a construción dunha senda dun quilómetro de lonxitude que mellora a seguridade peonil na zona e que conta tamén cun novo sistema de alumeado público de baixo consumo enerxético.