As Pontes, 19 xuño de 2018. O concello de As Pontes clausurará, ó longo de todo o mes de xuño, as actividades postas en marcha pola biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco,
durante o curso escolar, para promover a lectura entre os ponteses de todas as idades.

A biblioteca, que cambiará o seu horario de apertura o vindeiro 2 de xullo, pasando a estar só aberta de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas, puxo en marcha numerosas actividades desde o mes de novembro coas que procurou a dinamización deste espazo de lectura e estudo como sala de lecer para os máis pequenos.

Entre todas as actividades levadas a cabo, destaca o programa Xoves na Biblio, dirixido a
rapazas e rapaces, a partir dos cero anos, co que se buscaba fomentar a lectura e a escritura entre os menores a través de obradoiros de arte, contacontos, maxia, obradoiros de manualidades, concertos, obradoiros de poesía ou teatro infantil.

Seguindo a mesma liña, pensando no público infantil pero tamén nos adultos, a biblioteca
municipal botou a andar un novo Reto lector, unha proposta, orientada a impulsar o hábito da lectura e o servizo de préstamos de libros. Os ponteses que participan neste reto teñen que ler, no caso dos adultos, 14 libros e 12, no caso dos nenos, de diferentes temáticas e xéneros. Todos aqueles veciños que logran superar con éxito o reto reciben un agasallo sorpresa.

Nesta aposta por fomentar a paixón pola lectura, a biblioteca deulle continuidade ó traballo
desenvolvido no Clube de Lectura, un espazo de encontro onde os veciños compartiron o seu gusto pola literatura. Charlas cos autores dos libros, visitas de especialistas no autor,
proxeccións de películas foron algunhas das actividades postas en marcha ó abeiro deste
grupo de lectura. E para ós maiores de 55 anos, en colaboración con CIM de As Pontes, a
biblioteca continuou coas actividades do Clube de Lectura Relendo a vida.

Asemade, para os veciños que veñen de fóra e non coñecen o idioma nin a cultura galega, a biblioteca desenvolveu o obradoiro Interclubtural para, dun xeito informal e doado, achegar a todos ós participantes, grazas á colaboración veciñal, á lingua galega e promover o intercambio cultural e o coñecemento mutuo.

Todos os xoves, de 20:00 a 22:00 horas, levouse a cabo un obradoiro de escrita creativa para todos aqueles veciños que escriben ou queren facelo e que concluirá coa publicación dunha escolma dos traballos realizados durante o curso. Ademais a biblioteca continuou coa súa colaboración co Grupo Poético Alalá, participando na organización dos recitais de outono e primavera.

Por outra banda, a biblioteca entrou a formar parte do Catálogo Colectivo da Rede de
Bibliotecas; o carné pasou a ser un carné único, válido para todas as bibliotecas galegas
integradas no catálogo e máis para préstamo dixital Galicia Le, dándolle acceso ós ponteses ó catálogo de máis de 90 bibliotecas e a máis dun millón de títulos.

Tamén durante este ano, ó igual que en anos anteriores, o Día das Bibliotecas, organizouse unha xornada de portas abertas con actividades para nenos e adultos, na que todos os participantes están convidados a una pequena merenda.
Puxéronse en marcha diversas actividades para conmemorar datas relacionadas coa literatura como son o día da literatura infantil e xuvenil, as Letras Galegas, o día de Rosalía de Castro e tamén o Nadal.

Para celebrar o Día do Libro, a biblioteca puxo en funcionamento as Casiñas de Libros, puntos libres onde os veciños poden coller libros liberados, levalos as súas casas e deixar os seus propios exemplares para que poidan ser lidos por outros veciños.

En colaboración co CIM, a biblioteca tamén se sumou á celebración do Día da Muller con
exposicións bibliográficas e un programa de radio feito na propia biblioteca así como cun amplo programa de conferencias e presentacións de libros arredor da temática da muller e, por segundo ano consecutivo, organizaron, de xeito conxunto, a campaña Vive en Igualdade para conmemorar o Día Internacional en contra da violencia de xénero.

A actividade da biblioteca non cesa durante a época estival e participa xa na organización da exposición unha foto, un poema. Unha mostra de fotografías e poemas que durante as festas do Carme e A Fraga se exporá na baranda do patio do Colexio Santa María, e na que participan o Grupo Poético Alalá e fotógrafos ponteses. Esta exposición inaugurarase o vindeiro 16 de xullo.

Ademais durante as festas patronais porá en marcha a iniciativa parque@ctivo coa que a
biblioteca sairá á rúa con actividades para os nenos. Este ano, ó igual que en anos anteriores, instalarase no Parque Municipal, desde o 19 ó 23 de xullo, en horario de mañá e tarde.