As Pontes, 8 de agosto de 2022.  O Concello das Pontes presentou esta mañá, os sete proxectos de fin de grao, elaborados polo alumnado de Arquitectura de CESUGA,  que propoñen dar solucións ao patrimonio vinculado ao lago, baseados no turismo activo e na creación de infraestruturas de aloxamento.

Durante esta presentación, Elena López, recordou que “o 20 de agosto cúmprense dez anos da apertura da praia do lago das Pontes para uso público; desde aquela data, o Concello foi dando pasos para mellorar a dotación de servizos e, deste xeito, responder ás demandas da cidadanía. Hoxe, damos un paso máis coa presentación destes sete proxectos, froito da colaboración entre o Concello e a Universidade, baseados no patrimonio industrial e natural,  co obxectivo de continuar no mesmo camiño e continuar promovendo novos aproveitamentos económicos que permitan posicionar ao lago como referente turístico comarcal”

Silvia Blanco, directora do grado de Arquitectura de CESUGA explicou as diferentes etapas de elaboración dos traballos académicos así como os diferentes retos aos que tivo que facer o alumnado durante o proceso de creación das diferentes solucións para a dinamización e desenvolvemento do lago centradas, todas elas, na creación dun centro BTT, unha estación náutica e pequenos apartamentos.

Todos os proxectos, desde enfoques diferentes, ofrecen unha resposta á necesidade de mellorar a dotación da balsa mineira para explotala turisticamente, a escala comarcal, para o que foi necesario realizar unha diagnose da zona, determinar a localización das pezas e propoñer un programa de actuación híbrido que combinase unha parte residencial, que permite a pernoctación, a través de unidades concentradas de baixa densidade, cunha parte náutica e deportiva para que a veciñanza das Pontes e as persoas visitantes poidan gozar de todas as oportunidades que ofrece o lago das Pontes para o turismo activo, mediante a creación de novas infraestruturas deportivas e espazos para actividades de hostalería.

De xeito complementario, os sete proxectos presentados inclúen propostas de intervención na rede viaria para facer máis permeable a Avenida Blanco Amor, principal punto de acceso ao areal pontés, así como intervencións de recuperación de diferentes zonas vexetais.

Os proxectos hoxe presentados incluían o material técnico, estruturas, os cálculos de estruturas, cálculos de instalacións así como as memorias técnicas que está previsto que se convertan nunha exposición itinerante que permitirá á sociedade coñecer, de primeira man,  os atractivos turísticos das Pontes e tamén as propostas do alumando encamiñadas a dinamizar a contorna do lago, aumentar a oferta de lecer, xerar a instalación de novas empresas relacionadas co turismo.