As Pontes, 9 de agosto de 2022. As Pontes acolleu do 28 ao 30 de xullo o campus de mecánica de karts e motos de competición organizado C. As Pontes MVR, ETG Racing, José Luis Echevarría e Squadra Racing. Este é o primeiro campus que se celebra en España cun formato no que se xuntan as disciplinas de mecánica e pista.
Os alumnos e alumnas asistiron polas mañás a formación nas aulas para entender o funcionamento dos elementos dunha motocicleta e un kart, así como o mantemento nos vehículos empregados nas distintas competicións ou coñecer as diversas opcións de regulacións e postas a puntos dos vehículos, e polas tardes todo o aprendido puxérono en práctica no circuíto, experimentando así o que sería unha situación real de competición con pilotos de moto e karting participantes no campus. Ademais dos coñecementos mecánicos, tamén foi impartida para os pilotos participantes formación en pista, de nutrición, físico e psicoloxía.
Asistiron un total de 52 alumnos e alumnas entre as que se atopaban 4 rapazas e 10 veciños da localidade, o resto desprazáronse ata a vila dende diferentes puntos da xeografía española acompañados polas súas familias, que ademais de gozar do mundo do motor, tiveron a oportunidade de practicar outras actividades de recreo como paseos en bici, pista de pump truck, bañarse no Lago das Pontes ou coñecer algunha das vilas da comarca.
O I Campus de mecánica de karts e motos de competición resultou ser un éxito tanto para os alumnos e alumnas como para os pais e nais que consideran un luxo poder participar neste tipo de formacións que ademais se ven apoiadas polas instalacións, a contorna do pobo, e a gastronomía local.