As Pontes, 24 de novembro de 2022.  O Concello das Pontes pon en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, en colaboración cos Concellos de Xermade e As Somozas subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polas entidades locais.

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, en palabras de Ana Pena, concellería responsable da área, “mellorar a ocupabilidade e inserción laboral dos veciños dos concellos de As Pontes, A Capela e Xermade, con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. A través deste programa formativo ofrecémoslle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral”

A formación está dirixida a 100 mulleres e homes desempregados, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación e menores de 30 anos con cualificación.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 42%, inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral, de carácter individual, e un conxunto de sesión grupais organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de curriculum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral, entre outras.

Ao mesmo tempo, o alumando adquirirá competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros, con práctica laboral, sobre mantemento industrial (150 horas horas), operativa de caixa-terminal punto de venda (90 horas), curso de laminado por infusión e GWO (110 horas), un curso de vixiante de seguridade (180 horas) ou un curso de manexo de carretillas e plataformas elevadoras móbiles de persoal (24 horas), entre outros.

A selección das persoas beneficiarios realizarase a través da área de emprego municipal e, para tal efecto, as persoas interesadas en formar parte do Programa Integrado de Emprego  do Concello das Pontes poderán efectuar a inscrición no departamento de Emprego do Concello, localizado na planta baixa en horario de 09:00 a 13:00 horas.

O orzamento do Programa Integrado é de 185.625 euros dos cales 148.500 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 37.125 euros polo Concello de As Pontes, Concello de Xermade e Concello das Somozas