O patrimonio industrial pontés é o eixe fundamental deste novo programa que se pon en marcha dende o IPPEC, dependente da Concellaría de Industria. A primeira fase deste proxecto desenvolveuse acadando información das empresas asentadas nos polígonos industriais co obxectivo de coñecer máis de preto a súa historia, como foron fundadas, a súa actividade, así como todos os aspectos máis salientables de cada unha delas. Finalmente, un total de once empresas, entre as que se contan Xaraleira, Galparket, Prometal, Einsa, Delicias Coruña, Adera, Arteixo Telecom, Pomesa, Biomasa Forestal, Delagro e o grupo Acebrón, son as que forman parte deste proxecto, abrindo as súas portas para que poidan ser visitadas e coñecidas por todos os interesados. Por outra banda, o patrimonio industrial da vila terá un papel primordial neste programa: os parques eólicos, os pantanos, os poboados ou o propio lago son sen dúbida un patrimonio único polas súas características. Todos estes aspectos xa se lles deron a coñecer ás asociacións veciñais, co obxecto de poñer en marcha visitas guiadas e impulsar así o coñecemento destas empresas polos veciños e veciñas pontesas antes de abrilo ao resto de interesados. “Moitas das empresas asentadas nos nosos polígonos son descoñecidas para os veciños. Sabemos da súa localización, pero en moitos casos descoñécese a súa actividade, a súa internacionalización ou as súas peculiaridades, que cremos que poden ser moi interesantes”, salienta a concelleira Montserrat García. As asociacións teñen de prazo ata o día 26 para presentar no rexistro do Concello a listaxe de persoas interesadas nestas visitas, que se desenvolverán a partir de primeiros do mes de abril, con saída e chegada en autobus de diante do propio Concello.