As Pontes, 13 de outubro de 2022. O Concello da Pontes inviste 400.000 euros na creación dunha Unidade Residencial de Saúde Mental no municipio, unha infraestrutura promovida pola Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, que xa se constrúe na parcela adquirida pola Asociación no lugar de O Feal, na estrada que vai cara o Encoro da Ribeira.

O dato fíxoo público o alcalde das Pontes, durante o acto de presentación da nova infraestrutura, no que estiveron presentes o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernandez, a concelleira de Benestar Social das Pontes, Tania Pardo e a concelleira de Benestar Social de Ferrol, Eva Martínez, e no que tamén puxo en valor a creación deste novo equipamento sociosanitario xa que “detrás da posta da primeira pedra hai un traballo enorme. Todas as persoas que estamos involucradas no proxecto sabemos perfectamente o esforzo que requiriu chegar ata aquí. É un orgullo para este pobo poder ser prestador dun servizo público que é máis necesario que nunca, nun momento no que a saúde mental é unha das principais preocupacións da cidadanía.”

O rexedor local tamén subliñou ás oportunidades que esta nova infraestrutura implica para as persoas usuarias, as súas familias e para a economía local así subliñou que “esta obra concreta un pequeno soño que tiñan na asociación, é un gran paso para ese universo de persoas usuarias que necesitaban un lugar no que desenvolver as actividades ás que sempre aspiraba o persoal técnico que traballa na Asociación, permite, ademais, darlles unha oportunidade laboral e é, ao mesmo tempo unha oportunidade de respiro para as familias, dándolles unha vida. Un centro que contará ademais cunha vintena de persoas traballadoras que serán tamén un pulmón económico no ámbito da protección social na nosa comarca”.

A execución do proxecto terá un importante impacto económico na comarca coa inxección da meirande parte do orzamento da súa construción nas empresas da comarca, Así mesmo, unha vez en marcha, deixará un importe anual de entorno a 450.000‬€ en custes de funcionamento.

Pola súa banda, Félix Pena, presidente da Asociación apunta a importancia deste novo equipamento, “cuarto que existe en Galicia e décimo terceiro en España. Un proxecto no que comezamos a traballar en 2008 e que se veu paralizado pola crise económica e que retomamos en 2018 con máis forza e que hoxe xa é unha realidade.”

A unidade Unidade Residencial de Saúde Mental cubrirá unha ausencia na área sanitaria de Ferrolterra de recursos para pacientes con trastorno mental severo de longa duración, con importantes limitacións e sen posibilidades de apoio familiar e para os que son insuficientes os pisos protexidos por precisar dun apoio e supervisión 24 horas diarias.

A apertura desta unidade residencial suporá un gran beneficio para as persoas e as súas familias, que disporán por fin do tipo de asistencia psicosocial que precisaban, sen ter que desprazarse a outras zonas de Galicia.

UNIDADE RESIDENCIAL DE SAÚDE MENTAL

A unidade residencial terá unha capacidade de 25 prazas, nun total de 1.000 metros cadrados construídos, distribuídos en tres habitacións dobres, 19 individuais, zonas comúns para esparexemento e ocio, zona para taller de actividades, comedor, cociña e almacén, oficinas, e despachos de atención personalizada.

Todo elo coa aparencia dunha vivenda unifamiliar, co obxectivo de que as persoas usuarias podan facer unha vida o máis normalizada posible, en réxime de convivencia familiar, integrada no ámbito comunitario e nun entorno vivo próximo ós servizos sanitarios e sociais.

Entre os servizos que prestará a unidade residencial de saúde mental destacan os programas individualizados de atención especializada, un plan de apoio familiar, asistencia nas actividades básicas e instrumentais da vida diaria, actividades de lecer e tempo libre así como rehabilitación funcional, terapia ocupacional, estimulación cognitiva e atención psicolóxica, entre outras que recaerán sobre un equipo de traballo multidisciplinar con profesionais procedentes do sector sociosanitario.

A Unidade Residencial será construída de acordo cas directrices do Decreto 347/2002, de 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes, e teranse tamén en conta as directrices arquitectónicas e de servizos aportadas pola Consellería de Política Social para a creación de Residencias de persoas con discapacidade.

O proxecto, cun investimento de 1,8 millóns de euros -importe ó que habería que sumar o que a entidade leva aportado por valor duns 150.000 €, derivados da compra da parcela, a elaboración do proxecto técnico, dirección facultativa, consultaría e xestión-, conta co apoio económico do Concello das Pontes que aportará 400.000‬ euros, cunha achega de 72.104,16 euros da Consellería de Política Social, a través da convocatoria dos fondos con fins sociais do 0,7% do IRPF e está pendente da publicación unha convocatoria con cargo a fondos europeos do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia que terá como obxectivo específico a creación de residencias e centros de día por parte de entidades sociais que completaría o importe necesario a fondo perdido.‬‬‬‬

ASOCIACIÓN DE SAÚDE MENTAL FERROL EUME E ORTEGAL

A Asociación Saúde Mental Ferrol Eume e Ortegal, constituída o 10 de xullo de 1995, está integrada por persoas con enfermidade mental, os seus familiares, e profesionais de distintos campos relacionados coa Saúde Mental e forma parte do movemento asociativo a favor das persoas con enfermidade mental Saúde Mental FEAFES Galicia, así como da Confederación Salud Mental España.

A Asociación ten como misión a atención ás necesidades de rehabilitación psicosocial, laboral e de vivenda das persoas con enfermidade mental mediante unha atención integral personalizada que abrangue á persoa usuaria e á súa familia, facilitando un entorno social normalizado co obxectivo de lograr a súa autonomía e integración na sociedade, funcións que desenvolven dentro do ámbito da Área Sanitaria de Ferrol a través da xestión de dous Centros de Rehabilitación Psicosocial, catro Pisos Protexidos e un Centro Ocupacional.