rhdr

As Pontes, 16 de abril de 2021. O Concello das Pontes inicia o luns, 19 de abril, as obras da primeira fase de mellora de pavimento e servizos da Avenida de Ortigueira, no tramo comprendido entre a Avenida de Villalba e a Rúa do Concello.

O proxecto, cun orzamento de licitación de 140.382,28 euros a cargo da Deputación da Coruña, permitirá a eliminación do desnivel existente entre a estrada e as beirarrúas así como a mellora dos servizos de iluminación e saneamento, dándolle así continuidade ao proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade levada a cabo polo Concello das Pontes no centro urbano.

Entre os traballos previstos inclúense o retranqueo dos farois e sinais de tráfico existentes, a demolición da beirarrúa e o bordo así como a demolición e o fresado do firme existente, o recrecido de pozos de rexistro e o varrido da superficie viaria.

O afirmado da zona de rodadura e aparcamentos realizarase mediante formigón bituminoso cun acabado impreso e a beirarrúa peonil realizarase con baldosa prefabricada de cor.

Procederase, así mesmo, á instalación de sumidoiros e a separación da rede de pluviais da rede de saneamento. En canto á instalación de iluminación pública inclúese a execución de arquetas, da canalización eléctrica, a tirada de cable eléctrico, colocación de novas luminarias e a retirada dos farois existente ademais, nos pasos de peóns instalaranse captafaros LED e sinais de paso luminosas. As obras finalizarán coa instalación de papeleiras, xardineiras e bancos.

Desde o Concello de As Pontes pídese desculpas á veciñanza polas molestias que poidan ocasionar estes traballos de mellora da Avenida de Ortigueira e informa de que o tráfico quedará restrinxido no carril de subida, desviándose a circulación a través da Avenida de Vilalba e a Rúa Alexandre Bóveda.