As Pontes, 8 outubro de 2019. O concello de As Pontes, a través da concellería de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, iniciou, onte, un programa de envellecemento activo dirixido a mellorar a calidade de vida da veciñanza do municipio.

O obxectivo desta iniciativa, en palabras da responsable da área, Tania Pardo “é enriquecer e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, fomentando hábitos de vida saudables, promovendo a participación social a través de diferentes actividades que permiten que as persoas sigan sans e activas, evitando o deterioro físico e cognitivo así como o illamento e a exclusión social”

O programa, que se prolongará ata finais do mes de decembro, levarase a cabo, unha vez á semana, en sesión de dúas horas de duración, nas asociacions veciñais de Goente, Marraxón, Saa, Vincallo e San Pedro de Eume.

En cada sesión, baixo a dirección de dúas terapeutas ocupacionais, os participantes realizan una serie de exercicios, tanto físicos como de estimulación cognitiva, encamiñados a mellorar a motricidade, o mantemento da autonomía, a prevención de caídas, exercicios de memoria, atención, linguaxe, cálculo, uso de smartphones, obradoiros de risoterapia ou musicoterapia, axustados as súas capacidades, tendo en conta tanto a súa idade como o seu estado de saúde.

“Grazas a este programa tratamos de promover a función integradora e activa das persoas maiores na sociedade, a relación entre eles e a axuda mutua así como o mantemento da súa independencia para mellora a súa calidade de vida” subliña a concelleira de Benestar Social.