As Pontes, 19 de maio de 2022. O Concello das Pontes ten previsto mellorar a pavimentación e os servizos na Rua Anduriñas así como proceder ao traslado da marquesina á Rúa Camelias, un proxecto cun orzamento de 191.270 euros, con cargo á Deputación da Coruña.

Este proxecto permitirá á renovación da calzada e beirarrúas do viario co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade para o que será preciso unificar a cota así como definir un único sentido de circulación, con espazo para aparcamento na marxe dereita do viario, en sentido da marcha.

As zonas de circulación diferéncianse mediante o emprego de distintos pavimentos, seleccionándose as baldosas de formigón prefabricado para as bandas laterais destinadas ao tránsito de peóns e as lastras de formigón na calzada central destinadas ao tráfico rodado de vehículos.

Entre os traballos previstos tamén se inclúe a renovación da rede unitaria de saneamento (mixta residuais- pluviais) existente que será substituída por unha rede separativa con colectores de PVC. Así mesmo procederase á substitución e renovación da canalización do alumeado publico municipal coa instalación de novas columnas e luminarias led a tresbolillo.

As obras contemplan a instalación de mobiliario urbano (bancos, papeleiras e xardineiras) e rematarán coa reposición da sinalización, vertical e horizontal, seguindo as normas vixentes en materia de seguridade vial.