As Pontes, 5 de xullo de 2022. O Concello das Pontes destinará 180.000 euros ás achegas para as entidades culturais do municipio no ano 2022, un 15% máis que o ano anterior.

Estas achegas, destinadas a entidades culturais privadas, sen ánimo de lucro, inscritas no rexistro de Asociacións do Concello das Pontes e que desenvolvan a súa actividade no municipio ou aborden asuntos de interese para a localidade, teñen como obxectivo prioritario dar apoio a ditas entidades e contribuir a que acaden os seus obxectivos, fomenten a participación cidadá, contribuíndo, deste xeito, a impulsar a democratización da sociedade, fomentar a defensa dos valores da igualdade de xénero e a linguaxe inclusiva.

A través destas achegas as entidades solicitantes poderán cubrir os gastos derivados das actividades que leven a cabo así como os gastos en infraestruturas e equipamentos executados ou adquiridos durante o ano 2022

Así, serán subvencionables os gastos de persoal con contrato laboral coa entidade, gastos de seguros de responsabilidade civil ou de cobertura de accidentes, gastos de transporte para a realización de viaxes culturais, gastos de publicidade, de loxística (megafonía, son, iluminación e infraestruturas imprescindibles e necesarios para o desenvolvemento das actividades)

Tamén serán subvencionables os gastos xerados para o desenvolvemento de actuacións culturais: subministracións non inventariables necesarios para a realización da actividade (tecidos, madeira, etc…), material de oficina, persoas monitoras/instrutoras das actividades e actuacións de carácter cultural así como os gastos derivados da organización de cursos, charlas, obradoiros culturais, etc.

Para acceder a estas achegas é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello, cumprimentada polo representante da entidade cultural, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no BOP número 124, do 01 de xuño de 2022 na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes.